Cantaba Silvio a parábola de tres irmáns que se botaran ao camiño. Un, que non ollaba senón ao horizonte, tropezou cunha pedra que tiña diante e rompeu os fuciños. Outro, pola contra, de tanto mirar a dous palmos e esquecer o máis lonxano rematou por non saber a onde ía. O terceiro, que tiña un ollo no ceo e outro na terra, rematou confundindo o que está arriba co que fica embaixo. Por razóns obvias, e a primeira é o ben de todos nós, non convén que ao flamante Goberno do Estado lle ocorra algo semellante ao destes tres tipos do alalá. Non está mal, polo tanto, que o PP inaugure a súa contundente maioría absoluta con deberes concretos aos que facer fronte, máis aló do enganoso universo da macroeconomía. En Arousa hai previsións específicas para o tren, tanto nas longas coma nas curtas distancias. E unha data de referencia, o 2012. Que non lles escape o unicornio azul.