Tanto tiras tanto es

La Voz

AROUSA

Tanto tiras, tanto es, así é como o lixo convértese nun índice de crecemento dun país. Errado, dende a lóxica e o ecoloxismo. Xestionar o lixo é un problema e canto máis grande, peor solución. Na busca de solucións, uns optan pola incineración, reducindo o seu volume a cinzas, cargadas de contaminación e de estrago de materias primas. Isto é o que se fai no Salnés e en Galicia, onde só se recicla unha mínima parte do noso lixo.

O ecoloxismo aposta por outra solución, que vai á raíz do problema: «reducir» a producción de lixo: non a envases sobre envases coma unha matriosca, si á compra a granel, si á envases retornables, non a «usar e tirar».

Ineficacia do sistema

Na reciclaxe é onde houbo mais avances, por presión europea, eso si. Os colectores de recollida selectiva dan cor ás rúas da bisbarra do Salnés, pero ¿fíxose algún estudio de bo uso destes contedores? Parece mentira, pero non.

Restos de obra, pilas, mobles, electrodomésticos, neumáticos, bicicletas..., cousas que atopamos nas limpezas de espazos naturais que de cando en vez realiza o Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES). Quizais isto sirva para medir a ineficacia do sistema de puntos limpos dos nosos municipios, lugares que serven para recoller aquel lixo que non podemos botar aos colectores, ben por que son grandes (mobles...) ou ben por que son perigosos (fluorescentes, pinturas, baterías).

Compostaxe

¿Por que en vez de pedir que nos despracemos de cinco a dez kilómetros ata un punto limpo, non poñen na rúa colectores específicos para recoller pilas, lámpadas, aceites, pinturas, os restos das chapuciñas da casa?

Salvo excepcións, como a que representa A Illa de Arousa, da compostaxe nin se fala. Elaborando abono cos restos da nosa comida, reduciriamos á metade o noso lixo ¿Por que non se reparten composteiros nas casas con xardín e horta, con informadores que nos expliquen como funcionan?

Igual que nas anteriores preguntas a resposta intelixente de por que non se fai non é o custo, xa que se agochamos o lixo baixo a alfombra, só lograremos ter que mercar outra.