Por Xosé Castro Ratón
11 nov 2011 . Actualizado a las 15:12 h.Sostén o goberno local do PP que «a escasa programación cultural» que padece Vilagarcía é causa da carencia de recursos derivados da xestión anterior. Máis non aclara cómo esa situación permitiu que pagasen 1.000 euros ao pregoeiro de San Roque, feito sen precedentes; ou cómo non habendo recursos poden traspasarse 45.000 euros de Cultura a outra área necesitada; e mesmo a sinatura do novo convenio con NovaGalicia Banco que representa unha importante achega do 50 por cento.
Aquí, algo non cadra na lóxica. De onde non hai non se pode sacar nada. Logo, se se fai gasto, é que recursos habelos hainos. Malia todo, o goberno do señor Fole ten emprendida unha forte campaña de opinión pública, baseada na presentación de datos e acusacións que me teñen como destinatario á procura de lograr dous obxectivos: causar dano moral a quen consideran o principal rival a bater; e, ao mesmo tempo, preparar o escenario para impulsar unha política de incremento de taxas e impostos, parella a recortes en benestar, incluíndo loxicamente á Cultura.
As cousas non son como el as conta. Non é certo que se deba nada a AGADIC, entidade da Xunta que canaliza distintos convenios de colaboración coa industria cultural, entre eles o da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que foi mantido sempre no anterior período de mandato e agora ten pendente algún pagamento a compañías. Aínda así, para renovar esta liña só se precisa vontade política. Sen embargo, e dado que AGADIC non cubre apenas o 40 por cento dos cachés, é perfectamente posible realizar programación de teatro en galego cos recursos propios. Sinceramente, as declaracións do goberno local neste tema evidencian atrevemento e descaro.
Polo que respecta á «débeda» dos convenios con NovaGalicia Banco debe saberse que todos eles foron asinados pola Alcaldía e a Dirección xeral da Fundación Caixanova en acto público. A súa liquidación prodúcese unha vez rematado o período, de xeito tal que por exemplo o referente a 31 de decembro de 2010 non pode ser liquidado máis que no 2011, unha vez que se compute a totalidade da operación; e dicir, visto o resultado da venda de entradas xestionada por Servinova. Esa é a causa de que, de forma recorrente, veñan precisando do procedemento de xestión pola vía do recoñecemento extraxudicial de crédito. Aquí non hai nada anómalo. E todo iso coñéceo o señor Fole, por máis que agora pretenda «atoparse cunha débeda sorpresa».
¿Quen renunciou a presentar un orzamento para 2011 que incluíse o recoñecemento de créditos a provedores? Aínda máis, ¿como poden atesourarse arredor de 12 millóns de euros en contas bancarias, sen buscar fórmulas para facer uso de eses recursos e pagar parte dos 5 millóns que se adebedan?