As asignaturas pendentes

AROUSA

Que a Xunta empregue máis da metade do seu esforzo orzamentario en Arousa no saneamento da ría responde a un cálculo de pura lóxica. Logo das sancións e as reiteradas advertencias da Unión Europea, non sería de recibo que o Goberno autonómico non botase o resto para salvar o mar que proporciona a súa base principal de sustento económico a unha poboación superior a 150.000 persoas repartidas entre dúas bisbarras. As contas do 2012 semellan irreprochables por esta banda. Porén, existen tamén eivas que se prolongan ao longo do tempo e ás que o documento presentado onte non dá solución definitiva. Velaí a fórmula pendente para o Hospital do Salnés, alén dun plan director que será o cuarto que se redacte. O papel amoréase sen que o compromiso político de San Caetano acabe de materializarse nunha partida concreta para a súa ampliación, que é o material do que están feitas as promesas cumpridas. Vilagarcía, polo demais, despide o tempo das grades cifras logo da conclusión das dúas variantes, suspirando aínda por un centro de día público.