Vilalonga, saca tres e conta seis

vilagarcía / la voz

AROUSA

A igualdade estrema das ligas de fútbol forma parte do a,b,c, do discurso de calquera adestrador que se prece. E a realidade remata moitas veces facendo bo o tópico. Para mostra, un botón da comarca. O Vilalonga.

O equipo de Gabi Leis iniciaba na tarde do domingo a súa visita ao campo do Lalín cuarto pola cola da clasificación, con 7 puntos ocupando o derradeiro posto provisional de descenso. Tras os 90 minutos de xogo e un solitario gol de Machu, o Vilalonga saía disparado na clasificación. Con só 3 puntos escalaba seis prazas, situándose undécimo.

Claro que o novo estatus do conxunto de Leis é tan enganoso como o que sufríu a semana pasada. Non en van, mentres mira o oitavo na táboa, o Bergantiños, a tiro dun único punto -o sétimo, o Rápido de Bouzas, xa está 7 por riba-, por abaixo o Vilalonga só dispón dun colchón de 2 puntos sobre o seu sucesor na decimosétima referencia clasificatoria, o As Pontes. Este domingo en San Pedro fronte ao Cultural Areas o cadro arousán deberá voltar a gañar para non depender de terceiros resultados á hora de manterse fóra da zona de perigo.

E o certo é que Gabi Leis non as ten todas consigo. Non en van, o técnico compostelán é o primeiro en recoñecer que a vitoria en Lalín chegou ao termo dun «partido malo dos dous equipos. Non fixemos unha xogada combinativa, non fiamos dous pases seguidos, non houbo desdobramentos polas bandas...» E a consecuencia de todo o anterior, «non xeramos perigo na área rival».

Isto último é o que máis preocupa a Leis. A perda de garra no ataque. A baixa de Jesús, que leva tres partidos no dique seco por un problema no ligamento lateral interno dun dos seus xeonllos, e que deberá pasarse alomenos outra semana parado, está afectándolle moito ao equipo, sinala o seu adestrador, para quen Jesús «marca a diferenza nas accións de transición defensa-ataque». Por sorte para o Vilalonga, Leis sempre remata atopando unha solución.