A nova cara visible do Bloque recoñece que chega ao Concello nunhas circunstancias «que non lle desexo a ninguén»
27 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.O pasado venres, a asemblea do BNG do Grove decidiu pechar o ciclo de Carlos Álvarez Besada como cara visible desta formación. O seu posto vai ser ocupado por Heladio Outeiral (O Grove, 1973), que ten previsto tomar posesión como único concelleiro do Bloque no mes de outubro.
-¿Como afronta ese reto?
-Efectivamente, é un reto grande a nivel partido, tamén a nivel traballo institucional. Pero estou tranquilo. O consello local vaise reunir a menudo, as veces que faga falta, para traballar todos en conxunto. Estou moi ilusionado pola confianza que se depositou en min, e levo uns días de subidón por todas as motras de apoio que estou a recibir.
-Ademais, non chega ao cargo no mellor dos horizontes.
-O certo é que non lle desexo a ninguén ter que entrar de concelleiro así, tras a dimisión dun compañeiro moi importante e ao que me une moita amizade, tras uns resultados malos, pasando do goberno á oposición... Xúntase un pouco todo. Pero hai que ver a cara positiva, seguimos sendo a terceira forza, e dentro do panorama político do Grove somos unha formación moi representativa.
-¿Cal foi a encomenda que lle deu a asemblea local?
-O primeiro, preparar as eleccións ao Congreso e ao Senado. No Concello, eu entrarei en outubro.
-¿Como será o seu desembarco?
-Vou intentar ser o mais construtivo posible e facer un traballo en positivo, para axudar a darlle para adiante a todo o que sexa importante. Vou ser humilde, non están os tempos como para pedir grandes cousas nen facer moitos alardes. Segundo vaia respirando este tripartito iremos vendo, apoiando ou non, e deixando sempre clara a nosa postura. O meu plan é traballar.
-O PXOM, o «non» ao campo de golf... ¿Van seguir sendo bandeiras do Bloque?
-A nosa postura é firme en certos aspectos e por aí seguiremos. O actual tripartito dixo que ía aprobar o PXOM neste mandato, e teñen o vento de cara para facelo. Teñen un goberno amigo na Xunta, anque é o mesmo goberno amigo que paralizou as normas... Nós faremos todo o posible por contribuir nese proceso, como da outra vez: abriremos o noso local aos veciños para ser o máis transparentes posible. E loitaremos poque O Grove se defina como un concello mariñeiro, turístico e que intente ter tamén certa industria. Tamén queremos que se respecte o entorno. Sempre se nos acusa de ser «os dos paxariños». Pero os ecoloxistas non votan no Parlamento, nin fan leis... E boa parte das leis de protección fíxoas o PP.
-¿O relevo de Carlos Álvarez tiña que se ter feito antes?
-No partido considerouse que o cambio había que facelo pouco a pouco. Estaba previsto que fose despois da asemblea nacional. Pero esta retrasouse, e como veñen aí as eleccións, decidiuse que este era o mellor momento.
-¿Vai ser vostede o novo cartel electoral do Bloque?
-Para iso non teño resposta. O primeiro é ver como me desenvolvo...
heladio outeiral novo concelleiro do bng no grove