Ese recargo rumboso

AROUSA

ende un certo punto de vista, hai que recoñecer que estas xentes da Administración son uns artistas. Sobre todo no tocante á recadación de multas, taxas e impostos. Vénme aos miolos, sen ir máis lonxe, o tributo de circulación que, sen importar todos os conceptos incluídos no prezo do vehículo, nin tampouco o custe abaneante do combustible, os concellos esixen cada ano, relixiosamente, dos automobilistas. Para satisfacer tan nobre causa, o administrado ten dous tempos ao seu dispor. Se cotiza antes de dous meses dende a emisión do recibo, o Gran Irmán municipal entende que o fai en período voluntario. Correcto. Mais se o tipo en cuestión se retrasa, cae inmediatamente na infame categoría dos morosos. Sen prexuízo de aparecer o seu nome en boletíns oficiais de toda caste e condición, o noso home ou a nosa muller terán, avergoñados, que facer fronte a un recargo do 20%. Así son os designios da burocracia imperante. De aplicar a mesma vara de medir en sentido inverso, non estaría de máis preguntármonos que recargo tería que pagar o Ministerio de Fomento aos veciños de Vilagarcía aos que levou por diante as súas propiedades sen que visen aínda un peso. Se cadra, nas arcas municipais hai a estas alturas máis teas de araña que billetes verdescentes. Pero o que seguro abondan nelas son as facturas impagadas de complicado prognóstico. ¿Que recargo deberían esixir as súas vítimas? A Administración somos todos. Polo visto, algúns máis parvos ca outros.

D