O aspirante nacionalista asegura que o bum de Ribadumia é tan só un espellismo imposible de soster sen a Deputación
10 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Enrique Oubiña enfróntase ao reto de substituír a Ramón Mouriño e consolidar o BNG como alternativa en Ribadumia logo da renuncia dos independentes de Nené Barral a continuar na pelexa electoral.
-¿Como o leva?
-Como una responsabilidade. Eu non son Ramón, nin me parezo a el, e cambiarlle á xente a imaxe do candidato é un traballo duro. Sempre hai quen che di que Ramón era máis bo, máis alto ou máis baixo. El fixo un grande labor, pero as formacións políticas teñen que renovarse.
-¿A desaparición dos independentes pode favorecer o BNG?
-Sen Nené Barral o escenario cambia, claro. Pero non sabemos que vai facer toda esa xente. Nós, en calquera caso, estamos xogando o noso partido. É difícil, cando non imposible, saber o que vai pasar, e máis cando eles tomaron a decisión de non presentarse no último momento.
-¿Que sensacións atopan na rúa diante de todo isto?
-As sensacións son boas. Creo que hai moita xente que está cansa do PP. O seu proxecto está esgotado, e o pulo de ter unha cara nova déixase notar.
-Non é Ribadumia praza doada.
-A maquinaria do PP en Ribadumia é potentísima. Hai cartos para o que faga falta. Se lles deixan asfáltannos ata o primeiro andar dos edificios. Pero nós temos a nosa pelexa, ir por outra vía distinta porque a súa é unha vía de pura aparencia e o asfalto non dá de comer.
-¿Refírese á Deputación?
-Aí imos ter un grave problema. Todas as obras son desmesuradas, e cando falten os cartos xa veremos quen mantén todo isto. O Concello de Ribadumia vive do que vén de fóra. Segundo veñen os cartos van facendo, priorizan a obra bonita no canto de priorizar as necesidades reais e o útil, o saneamento, por exemplo. Iso sucede por non ter un proxecto.
-¿Que é o primeiro que faría vostede de acadar a alcaldía?
-Actuar contra o paro. Un dos problemas de Ribadumia é que a metade do polígono industrial está en mans de propietarios que non lle dan uso. Habería que recuperar ese espazo e crear un viveiro para facilitar a creación e instalación de empresas. E por suposto mirar nos caixóns.
-¿Que cre que pode atopar neses caixóns do Concello?
-De todo. Xa veremos o que hai cando cheguemos, pero os caixóns do Concello de Ribadumia teñen moito perigo, seguro.
-Falaba de que Ribadumia vive do que cae de fóra. Hai quen di que o verdadeiro alcalde é Louzán. ¿Que pensa vostede?
-Todo o mundo opina iso. Salomé dá a imaxe de estar aí para o que lle digan, dicindo que si a todo, mentres é Louzán o que está por tras. Insisto, se non tes un proxecto todo queda no aire. E o PP de Ribadumia non ten proxecto ningún. A Deputación, polo demais, segue sendo a primeira oficina de emprego. Iso séguese mantendo para os seus, non se pode negar.
-¿Que opina da festa do tinto?
-Unha cousa é a festa, da que eu son máximo valedor. Pero á comida nunca fun porque é un acto tremendamente politizado. É certo que tamén é unha oportunidade de estar cos veciños, e teoricamente é unha celebración de todo o pobo. Pero cando miras quen vén comer, todos teñen o garfo á dereita.
-Nas dúas últimas eleccións houbo unha tremenda presión. ¿Cre que se vai repetir agora?
-A xente vaina notar menos coa desaparición dos independentes. Iso vai dar máis apertura. En realidade a única alternativa ao Partido Popular en Ribadumia somos o BNG.
enrique oubiña candidato do bng á alcaldía de ribadumia
José Enrique Oubiña Lago
30 de maio de 1977, en Pontevedra
Técnico de mantenemento de elevadores
Solteiro
Substitúe a Ramón Mouriño como cabeza de lista da candidatura do BNG en Ribadumia. Esta é a primeira vez que concorre a unhas eleccións