«O programa do PSOE é como os Santos Inocentes; aí veñen»

s. g., a. g., x. m. VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O aspirante conservador agarda que «o Bloque non estea sempre aos pes dos socialistas» e poder acadar o goberno

30 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Consciente de xogar nunha praza moi difícil, o candidato do Partido Popular considera, en troques, que gañar é posible.

-Pelexan vostedes nun verdadeiro bastión do PSOE.

-Sabemos que non vai ser doado. Aquí hai moito voto arraigado que é difícil cambiar, pero creo, e non son só eu, senón tamén a xente que me acompaña, que podemos conseguilo. O PSOE fixo moi pouco e incumprírono case todo.

-Algo melloraría A Illa dende a consecución do Concello.

-A xente mellorou, claro, pero porque todo mellorou dende o 97 a esta parte. Pero os concellos veciños melloraron máis, teñen infraestruturas, teñen servizos, e nós estamos parados no que hai. Digamos que nunha porcentaxe de evolución nós imos nun 40% do resto.

-¿Cal sería entón para vostede o concello de referencia?

-Outros como Ribadumia van tendo servizos, pero o seu entorno non é para iso. Cambados medra dunha forma equilibrada, e a resposta a dá a propia xente. Das unha volta e velo só. Cambados está aproveitado histórica e comercialmente. E menos mal que non ten praia.

-A Xunta meteu alí moito carto.

-Vale, pero os cartos tes que ir buscalos. Vós sabedes o debate que eu teño co alcalde a conta da casa dos pensionistas. El leva doce anos e non hai casa dos pensionistas. E chámalle caciquil ao presidente da Deputación cando debería ser respectuoso, porque un señor alcalde non vai gañar así moitos amigos.

-Vostedes tampouco son mancos á hora de criticar.

-Eu critico porque realmente a política que fai aquí o PSOE... Antes, o 28 de decembro saían moitas inocentadas na prensa. Agora buscas algunha e atópala no Marca. Ou no programa do PSOE. Ese compromiso de 1,2 millóns para amañar a casa do Campaneiro e a de Dona Tomasa... E din que haberá máis cartos para o 2012, cando xa non van estar. O programa do PSOE é como os Santos Inocentes; aí veñen.

-O PP ten outro compromiso, o da casa dos pensionistas.

-Si, pero eles confunden onde están. Eles pídennos ese acordo por escrito, pero eles saben positivamente que eu, como oposición, non podo acadar acordos institucionais. Eu podo achegarme á Administración, pero logo eles teñen que vir e facer o seu traballo. A min a conselleira Beatriz Mato díxome que a partir de setembro habería dispoñibilidade económica. Ese acordo do 2012 do que eles falan con Fomento é moito menos rigoroso.

-¿Que hai do vial do Xufre? Ao cabo, aí está funcionando.

-Porque o PP, cando chegou de novo ao Goberno da Xunta, desbloqueou o proxecto, que estaba totalmente atascado, e o alcalde pechándose no Concello para non saber nada dos veciños.

-Acúsanos a vostedes de ir contra esa estrada.

-Non. O problema foi que non se falou cos veciños, porque o trazado inicial non tiraba casas. Os afectados foron a un contencioso pensando que o ían levar máis abaixo, máis pola costa, e o que pasou foi o contrario. O que eu lle preguntei ao alcalde é por que non falara coa xente. Se os desenganasen daquela... Pero ese trazado inicial foi aprobado nun consello da Xunta do 2004, antes mesmo do bipartito. E eles, en todo ese tempo, non foron quen de abrir a gabia.

-¿Ofreceríalle un pacto ao BNG?

-O PSOE abusou da súa maioría estes anos. É difícil, pero o BNG non vai estar eternamente aos pes dos socialistas, digo eu.

juan josé gonzález candidato do pp á alcaldía da illa