Dende O Castriño a Sálvora, a Ons e ó Barbanza van tres pontes. A cuarta, pasada a illa do Faial, ten dous ramais: un que dá na badía de Santa Clara, en Cuba e o outro que sae na Avenida Patricio Peralta Ramos, en Mar del Plata. As primeiras comparten cabeceira, que se divide en tres brazos e, desde aí, levan cadansúa feitura. A que chega a Aguiño é de vento, a que leva a Sálvora de gas cristalino e a que entra polo Centulo, de aroma de marusía e vese coma arco iris. As dúas de América son de cunchas de volandeira e só algúns saben se están ou non rematadas. Fóronse armando pouca a pouco: cada camiñante engade unha presada de cunchas. Do que vai por ela nunca se sabe se prefire quedar no destino ou está mellor aquí e, cando se lle pregunta, só di que se leven cunchas e que chegar, chégase. Os coñecedores de entradas e saídas son os de San Vicente e percórrenas de seguido, ás veces ata sen sabelo, que é cando espertan baldados. Nesas pontes so ocorre o normal: Camíñase, fálase uns cos outros e, por poñer, se se che mete na cabeza escoitar música ou comer castañas asadas, con anises e sen eles, ou, mesmo, que é moi común, toparte co teu amor, sen que te vexan ou para que te vexan, ese é o sitio: un só ten que desexalo e botarse a andar. Por suposto, se en chegando a algures queres cambiar de teima, pódelo facer e, tamén, enlearte con varias á vez. O que pasa é que desto hai moito que discutir porque o bo, ou o malo, é que, por exemplo, se dis que queres aclarar algo con Napoleón, vas e comentas con el ata que te canses, pero Napoleón nunca será sabedor; agora: se o xuntas, por dicir, con Carolina Otero, latrican entre eles e non albiscas se che fan caso. Cos amores pasa que porque goces e sintas o que queiras, o ser imaxinado non coñece quen pero nota que o aman. Seica Porviso abusou de toparse cunhas paixóns furtivas e tivo quince ou vinte fillos bravos coñecidos. Serán murmuracións. Paréceme moita coincidencia que dous soñen no mesmo á unha, tantas veces. Iso si: teríache o seu aquel.