O Castro Alobre programa unha completa axenda para o día das letras

vilagarcía / la voz

AROUSA

13 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O instituto Castro Alobre de Vilagarcía elixiu a xornada de hoxe para celebrar o día das letras, unha festa coa que queren conmemorar conxuntamente o día do libro, que terá lugar o 23 deste mes, e o día das letras galegas, que será, como cada ano, o 17 de maio. Para iso programou unha completa axenda de actos que se celebrarán de xeito ininterrumpido desde as oito e media da mañá ata a unha e media da tarde.

Entre as propostas figuran un recital poético e unha gincana literaria. Non serán as únicas actividades relacionadas cos libros, senón que tamén se programará unha iniciativa que leva por título O libro viaxeiro, e tamén un mural literario.

Os rapaces do instituto vilagarcián terán tamén a oportunidade de participar nun trivial multidisciplinar, un xogo no que poderán demostrar os seus coñecementos sobre diferentes disciplinas.

Un espectáculo trovadoresco será unha das principais apostas desta xornada de letras. Consistirá na recreación de frescos medievais, a elaboración de marcapáxinas en letra gótica, un obradoiro de xogos malabares e un xogo sobre o Camiño de Santiago. Ademáis haberá unha feira medieval na que poderá visitarse un herbolario ou postos de comida e bebida.

Libros, recreación histórica e xogos de preguntas, pero tamén espectáculos, como o que poñerá en escena o Mago Cali, que actuará ás doce e media para os alumnos de primeiro e segundo da ESO.

Outra das propostas será un obradoiro de hip hop, un tipo de música que normalmente lles gusta moito aos rapaces máis novos. Neste caso será impartido por AID.

Non faltarán tampouco os contos, que chegarán a cargo de Celso Fernández Sanmartín. Será tamén ás doce e media, neste caso para os alumnos de Bacharelato. Unha conferencia de Marcos Calveiro e unha sesión de danzas do mundo con Mercedes Prieto son outras das propostas que organizou a comunidade educativa do instituto Castro Alobre, coa colaboración da entidade financieira Novacaixagalicia.