Da Atlántida

X. A. Ochoa

AROUSA

Pvento da travesía

orviso sabe onde está a Atlántida porque é de alí. O Ulla e o Umia desaugaban, confírmano os xeólogos, a rente de Sálvora despois de atravesala cidade, non illa, que linda polo Norte coa parte do Barbanza, polo Sur con San Vicente, cara ó Leste, estrema con Cambados e a Arousa e, polo poñente, Sálvora. Aí está a tan buscada Atlántida, aínda que os atlantes non a chamasen así.

Era fermosa, confortable; a xente residía en pazos e había pontes de continuo e prazas e centos de xardíns. Non sendo os fogares, todo era público. Canto mais coidabas aos vexetais, máis distinguido eras. A casa onde naceu Porviso, con dous andares somerxidos, chegou a ser a principal: conseguiran que as árbores falasen por acenos e desen sinfonías. As máis de mil pontes, harmoniosas, móbiles, aparecían no intre de faceren falta; non era preciso traballar, nin sufrir gobernantes; as plantas deixaban no aire acordes que alimentaban tódolos seres ao escoitalos. Vivían, elegantemente, para o amor e a poesía. Mais o bardo principal foi o que descubriu o significado do silencio e acadaba o arroubo dos habitantes da Atlántida ao proclamar ese sosego: volvíanse todos trobadores para si, calaban os rumorosos ríos, as follas inquedas, a xente festeira e toda clase de besta ruidosa e un sentimento de felicidade inmensa inundaba os corpos. Neses intres, marabillosamente longos tantas veces, podían transformárense no ser soñado e os mais prácticos ata duplicárense en dous: eles e os amados.

Dunha volta, estando nese éxtase, de súpeto, empezou, nunha calma suprema, a enchelo mar, imparable, e foino asolagando todo, sen que os habitantes deixasen de gozalo silencio. A Atlántida quedou cuberta por auga do mar e area branca que fixeron o repouso mais infinito. Permaneceren ceibos, e felices cando cadra, Porviso, transmutado en congro, non contou por que, e as sereas das Figueiras que gardarán a Atlántida ata que baixe o mar, leve a area e reviva dese largo e gozoso silencio a tódolos atlantes. É cousa de esperar para preguntarlles se, por un casual, foren eles os que nos imaxinaren.