Houbo tempos nos que Porviso quixo levar vida normal, ser un máis: estaba farto de cambiar de substancia cada pouco. Que si rato, xefe, César, almirante, arcebispo; e andou melancólico, ducias de anos, por sentirse desprezado: quería aparecer como el mesmo, sen mudanza ningunha. Non houbo xeito de convencelo de que era máis teima del que esixencia dos de San Vicente que nunca, nunca, tiveron dúbida en aceptalo no ser de seu. Nestas, un dos últimos viquingos que veu pasar o verán á zona, contou marabillas do país do Preste Xoán, cardeal namorado dunha princesa india, cura e rei á unha, monarca de setenta e dous reinos perfectos, con croios de ouro e prata guindados polas congostras por non haber pobres nin ricos, pero, sobre todo, nacións onde se lle outorgaba o rango de cidadáns a toda clase de bestas, por chamalas así: unicornios no Consello Real, seres galludos vestidos de xente, centauros, todos militares, silenos, de oficio pousadeiros, grifóns, mineiros a maioría e, os menos, gardiáns de tesouros do común, que podían carretarse libremente polos reinos pero nunca sacalos deles. Porviso ilusionouse en ser feliz nun sitio así e botouse ó camiño inventando unha carta de recomendación para Nicolás Polo, de Venecia. Este, ao ver que Porviso era cabal, argallou facelo pasar por Filipe, o médico do papa Alexandre III. Así foi que o pontífice entregoulle unha misiva para o Preste Xoán, da que puido ler o encabezamento: «Carissimo in Christo filio Johanni», poñía. A piques de cruzar o Mar Negro contáronlle que para chegar tiña que atravesar o mundo dos tártaros, xente que non descabalgaba de cabalos insufribles, que botaría tres anos de camiño e que se dicía que un príncipe mongol matara o Preste Xoán. De repente sentiu morriña, insoportable, do Castriño e dou volta. Iso si: moi de vagariño polas illas gregas, abondosas en sereas, e pincha aquí e brinca alá, foise vindo pouca a pouco. O escrito do Papa gardouno nunha ola precintada con resina, que enterrou no peirao do Carreiro. Ben seguro: aínda estará alí.