Aprender a bailar e a cantar para a Festa da Malla

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA

AROUSA

Hai uns anos, un grupo de veciños da parroquia de San Vicente decidiu recuperar unha vella tradición da aldea: a malla. Nacía así unha festa na que a etnografía, a historia e a tradición demostran que se poden converter en auténticos alicerces do desenvolvemento social e mesmo turístico dunha vila. Foi a asociación Roza do Pedrol a responsable do nacemento desta cita co pasado. E segue sendo Roza do Pedrol quen está a investir tempo e esforzo para conseguir que a volta aos tempos que quedaron atrás sexa o máis perfecta posible.

O último paso nese camiño acábase de dar. A asociación cultural ven de constituir unha escola de música tradicional galega pensada para ensinarlle á xente a tocar a gaita e os instrumentos de percusión cos que se animaban as sobremesas despois dunha longa xornada de malla. Quen queira tamén poderá aprender a cantar pezas tradicionais coas que se acompañaban as longas horas de traballo no campo. Antes, o manexo das cordas vocais e dos instrumentos musicais aprendíase sen clases, nos currunchos da vida diaria. Pero todo ten cambiado moito, e os sons tradicionais as veces parecen non ter espazos propios no noso día a día.

Quizais por iso a noticia do nacemento desta escola de música tradicional tivo tan boa acollida no Grove. Xa hai un bo feixe de persoas apuntadas para participar nas clases, que serán de balde. «Os cupos case están ao completo», explicaban onte dende a asociación de San Vicente.

Aínda se están a ultimar os horarios nos que se impartirán as clases de música e canto, pero os responsables de Roza do Pedrol están convencidos de que non vai pasar moito tempo antes de que arrinquen. De feito, a súa intención é que os alumnos desta nova escola poidan amosar os seus avances no eido musical na Festa da Malla deste ano. Unha cita na que xa se está traballando para conseguir que repita o enorme éxito acadado nas súas primeiras edicións.