Do centro do mundo

X. A. Ochoa

AROUSA

Ata que os romanos cruzaren o Miño, o Castriño non foi o centro do mundo, pero recoñecéuselle universalmente ese título desde que Xulio César parou alí por un temporal. Os sabedores desto din que apareceu no 61 a.C. cunha flota de barcazas gaditanas. Por aquí, acostumados a chalanas de fondo plano, casco e vela de coiro, nunca tal viran: o ruído daqueles remos era máis forte co balbordo do temporal. Xurdiren, en perfecta formación, por fóra de Ons e, por empezar a ventala travesía, refuxiárense no Carreiro. Primeiro atracou no Portiño unha nave e os tripulantes, ao veren que a xente era pacífica, avisaren ó resto dende o Sineiro; vararen todas, e de última, unha trirreme moi adornada; refulxían coirazas e armaduras e, cun orden asombroso, os soldados distribuírense por riba da praia. O derradeiro en desembarcar foi Xulio César, preocupado, sen parar de botar números: tiña un pufo tremendo con Craso, duns mil talentos, case trinta mil quilos de ouro e, ademais, precisaba cartos para as eleccións do ano 60. Autorizáranlle rapinar polas provincias, pero riqueza, por alí, non vía; faláranlle das Casitérides, mais tampouco as topaba. Viña desesperado. Quedáballe Brigantia, de onde saían estaño e ouro, pero, segundo escoitara, había que dala volta ó cabo mais perigoso do mundo e os soldados andaban con medo por lembrárense do Limia e por veren anicarse o sol no océano. Insomne, mandou chamar ao máis distinguido e os do Castriño enviárenlle a Porviso en substancia de xefe. César botou tres días a conversar con el do Mar dos Celtas e ó ver que o coñecía tan polo miúdo, falaba nas súas linguas e dominaba os barcos de fondo plano, acordaren que tomara a esencia do propretor durante dez anos e que César quedase no Adro Vello a escribir como lle fora ao congro por Roma e polas Galias. En realidade, era por ver se ía saldándolle a débeda pero Porviso aceptou o envite, chegou a cónsul e conquistou as Galias; eso si: non pagou chica. Cando retornou, César non soubo moi ben que dicirlle.