Asona dos constructores de mámoas do Castriño, que non daban abasto, fíxoos andar de seguido dun lado para outro: Cork, Cornwall, Gales, Bretaña, Normandía. Iso foi ata que as súas mulleres empezaren a protestar e non se rebelaren por fidelidades ou andrómenas desas, que tamén, se non por precisaren aos homes para defenderse xa que, ano tras ano, aparecían mouros, saefes e toda clase de invasores e tiñan que fuxir terra para dentro, onde non as querían, e pasalos veráns lonxe do Castriño.
Cando o bo tempo chegaba ata o inverno, non podían apañalas colleitas por teren que permanecer fuxidas máis alá do estío. Quedando aquí os canteiros, fortes e mañosos, non sería fácil abusar da poboación. Así que as mulleres, fartas de perder vidas, fillos e ceifas acordaren prohibirlle aos homes saír do Castriño.
Os constructores de mámoas, guiadiños, determinaren armalas aquí e mandalas por mar. Se alguén encargaba unha mámoa levábano ata as Modias para amosárllelas que había alí e, chegando a acordo, púñanse a construíla con cons do Pedregal. Ao rematar, metían cada peza nunha artesa cumprida, colocada como unha especie de orza dunha gran almadía de vimbio e coiro, que sacaban ata fóra de Sálvora para que a corrente do mar, coa axuda dalgunha vela de pelicas de raposo cosidas, levásea ata Irlanda, ou ás outras Fisterras, nuns seis días e, así, saían só para montalas.
A primeira vez que os acompañaren mulleres, entre elas a bisavoa de Merlín, foi cando recibiran un gran encargo para Stonehenge por seren elas as que sabían de estrelas, amenceres, cambios de estación e seituras. Indo mozas, Porviso embarcaba, sen disfrace, que xa o coñecían, se ben non o aturaban por ser un pegañento; pero se na travesía alguén caía ao mar, el recollíao e, se era muller, aproveitaba para, polo menos, plantarlle un bico; por iso os constructores de mámoas sempre discutían se levalo ou non. Nesa primeira viaxe a bisavoa de Merlín quedou alá, xa encinta, por non querer volver co congro.