Juan Eusebio Nieremberg (1595-1658) foi xesuíta e na súa Historia Naturae (1634) escribiu que dunha volta víranse os tritóns en forma de home saír do mar a tocar buguinas que se escoitaban en calquera curruncho por produciren un son moi profundo. Na súa biografía hai un dato falso que se aclara facilmente. Dise que viñera a Vilagarcía, engadindo de Campos, en Valladolid, a estudar. Será lapsus linguae, lapsus calami ou ex professo pero o certo é que onde realmente estivo foi en Vilagarcía de Arousa; se non a ver como ía falar de tritóns. O certo é que aquí, en segredo de confesión, soubo, por unha novicia de San Paio de Carreira, dos tratos que tivera ela co congro Porviso e, por ser de natural curioso, coñeceu o que a mociña debería calar. E iso que deixou dito que «O que non queiras que saiban moitos non llo digas a ninguén». A rapaza, entre outras, contoulle que o congro fora quen ensinara á xente a tocar a buguina para fuxir da néboa, dar avisos ou meter medo. Os de mais sona niso son os de San Tomé do Mar, que tocan de oído, por ser onde Porviso ía ensaiar, pero ningún alcanzou a súa mestría: el púñalle dirección ao son e dábaselle moi ben subilo polos meandros do río; sopraba a buguina en San Sadurniño e, incluso con vento Leste, mandaba o son polo Umia ata as fervenzas de Segade, enriba de Caldas, e apagaba o bruído delas, sen espertar a ninguén que non estivese metido na auga. Ultimamente chistáballe facelo gabear desde as Illeiras ou do Con da Moura de Cambados, darlle unha guinada no Loureiro de Barrantes, guialo polo Armenteira e que soase a xeito de polca no claustro do mosteiro, con escándalo dos do Císter, de valse en Chan do Fento, con ledicia dos da Escusa e de tango en Santa María de Pontearnelas, todo á unha. Acadou, tamén, que o son fose descontinuo e, meténdoo polo Umia, facíao pinchar ao Bermaña, de alí ao Ulla para baixar por Padrón, sen tocar terra e, el, saíndo lixeiro, recollíao de volta en Cortegada. Unha noite levou a Nieremberg ao lombo e recibiron o son de volta coma se fose de zanfona. O ilustrado crego, por iso, deixou a súa famosa frase: «Natura é un poema que xace oculto dun xeito segredo e marabilloso».