Dun tempo para aquí vense observando no PP de A Illa, manifestado a través do seu portavoz e aspirante a candidato, un nerviosismo desmesurado que non pode ter outro motivo que a proximidade da cita coas urnas, as cales poñerán a cada un no seu sitio. Refírome ás declaracións nun ton fóra de lugar do señor González, faltando a verdade un día si, e outro tamén. Este nerviosismo convértese en histeria colectiva do seu grupo cando acoden aos plenos, pois parece que van a un combate de boxeo a pelexar con todo aquel que non está de acordo coas súas ideas e moito menos coas súas formas, o cal pasa bastante a miúdo, incluso con colectivos e asociacións. Non sei se este estrés preelectoral vai diminuír de aquí en adiante pero moito me temo que non. Polo tanto, señores do PP, deixen que lles aconselle un pouco de tranquilidade, relaxación e de paso algo de compostura para saber estar nunca institución como é o Concello do que vostedes forman parte. Quero aproveitar para comentar a visita que o Portavoz do PP da Illa e ex conselleiro do Porto de Vilagarcía ,mantivo coa conselleira do Mar recentemente. Polo que lemos na prensa, un par de palmadas no lombo para que viñese tranquilo, mentres desde a consellería seguen a perseguir os mariñeiros e bateeiros como se fosemos delincuentes e a meter multas a mansalva por saír para o mar media hora antes de tempo, o cal, parece ser, é un delito gravísimo. Desde o Partido Socialista seguiremos a traballar polos veciños, que para iso nos elixiron, sen facer caso das ameazas e insultos dos populares.