A nova escravitude

AROUSA

O armazón teórico do Estado democrático contemporáneo foi establecido no século XVIII por pensadores coma Locke e Montesquieu. A soberanía deposítase no pobo e fica xestionada por tres poderes independentes entre si: executivo, lexislativo e xudicial. Dúas centurias despois, o Estado de Dereito así concibido está a sufrir o meirande ataque da súa historia, demostrando que quen cocen as patacas non son os representantes dos cidadáns, libremente elixidos, senón os obesos financeiros e as corporacións multinacionais que ditan os comportamentos do mercado. Abonda con que a axencia Moody's dubide da capacidade do Goberno para levar adiante as lamentables reformas anunciadas para que a España se lle atragante algo duro no pescozo. ¿Quen son esta xente para sinalar quen ou quen non debe gobernar? Só lles interesa forzar medidas que enchan os seus petos. Curiosamente, esta sinxela análise non forma parte do discurso de ningún dos nosos primeiros políticos, que permiten que a soberanía real, esa que tanto lles preocupa ao falar de estatutos, nacións e andrómenas, vaia parar ao parqué das bolsas e dos despachos dun fato de criminais. Son os parvos útiles da nova escravitude. E nós, a velas vir.