Nos 60 a prensa aplaudía os novos edificios que se erguían no céntrico espazo vilagarcián. O resultado foi discutible
11 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Corría o verán de 1964 e a praza de Galicia (entón denominada de Calvo Sotelo por razóns que, por evidentes, sería ocioso lembrar) atopábase nunha interesante encrucillada urbanística. Por unha banda, o banco Hijos de Olimpio Pérez inauguraba unha sucursal que merecía as loubanzas da prensa da época. Por outra, a asociación entre a construtora de José Bouzada López e Manuel Rapariz daba como resultado a construción dun edificio de sete andares que aínda existe hoxe en día.
Animado pola perspectiva dun espazo de fuste no centro da vila, o redactor de El Pueblo Gallego animábase a lanzar unha petición por escrito: «Celebraríamos que otros edificios de la misma plaza fuesen reedificados a tono con este, lo que daría a la plaza Calva Sotelo un aire de gran población». Non cabe dúbida de que alguén lle fixo caso ao noso escribinte. Só que os resultados foron, por dicilo finamente, discutibles. Poucos anos despois, é sabido, o inicio do descomunal edificio Lara viña botar por terra aqueles bos desexos. Só a conversión, a finais de século, da praza de Galicia nunha zona semipeonil veu remediar en certa medida a desfeita urbanística perpetrada no corazón do casco urbano vilagarcián.
Pero esta é outra historia. A que hoxe chega ao Faiado é a daqueles dous inmobles que no seu momento «causan admiración»: «La presencia y hermosa traza de la nueva sucursal bancaria causa admiración, hasta el punto de poder afirmar que es la mejor, o una de las mejores, de toda Galicia, con un lujo de detalles y exquisita sencillez y buen gusto». Nada menos. Pola súa banda, os baixos do edificio de Rapariz acollerían «unas instalaciones sensacionales». A galería ábrese aínda hoxe á praza, coa xoiería instalada no seu local máis senlleiro.
Ben é certo que as evolucións urbanas doutras vilas da redonda non foron moito mellores dende entón. Na mesma época, o correspondente no Grove informaba da chegada do verán e, con ela, o gozo de «presentar las fachadas y los interiores de sus edificios bien blanqueados y alegremente pintados». Tanto, que o bando municipal que cada ano ordenaba a correcta presentación dos exteriores das vivendas semellaba «ritual y casi innecesario». O malo era, daquela, que os uniformes dos gardas municipais seguían lucindo as duras cores da invernía. Os problemas estéticos máis preocupantes afectaban á tonalidade da indumentaria policial. Vaia se cambiou o conto.