Os Mariño de Lobeira

X. A. Ochoa

AROUSA

05 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Ninguén cre o do pedestal da serea de Sálvora que mandou esculpir o vello marqués de Sálvora, Noro e Vionta, sucesor do primeiro Mariño; éche unha teima parecida á dos monarcas que matinan descender da divindade: «La sirena tuvo amores con un caballero romano naufragado en la isla. Nació un niño que se llamó Mariño». Así, con un par. A inscrición é incrible, agacha a realidade e, se cadra, amosa un sentimento de vergoña da orixe de seu. Achégase máis á verdade o que escribiu o licenciado Molina no século XVI en Descripción del Reino de Galicia , ao falar, en vez de dun cabaleiro romano, dun tritón -daoine-mara, en Escocia, merman na Escandinavia-. O tal cabaleiro tampouco podería ser Orlando, a pesar de que é historia que, malferido, despois de Roncesvalles veu aquí, polas virtudes das fontes de Santa Catarina, en Sálvora e do Santo, en San Vicente, que fan que quen bebe de ámbalas dúas sete días durante sete meses, cure de sete males. Orlando ao chegar non tiña folgos para vogar a San Vicente, nin para andar en amores, que é o último folgo que perde un cabaleiro e morreu de seguido polas feridas que lle causaran os vascóns en Roncesvalles. Imos ver: non todo é falso porque o da nai, a serea, está documentado -cfr. Nobiliario, do fillo do rei don Denís de Portugal- pero non se asegura, coma sempre, quen vén sendo o pai. Falemos clariño: nin cabaleiro, nin Orlando, nin tritón: o pai foi o congro Porviso e a nai unha serea, á que lle gustaba de máis pórse ao sol, das do Rodal das Figueiras, onde hai fartura de corbelo, do que comen elas todo o ano. Porviso e a mantida serea tiveron amores polo San Xoán na Coviña do Inferno cando estaba a rente do mar da Lanzada e, sen querelo, foren cubertos por nove ondas. Aí naceu o primeiro Mariño, que tería que chamarse Mariño da Coviña, pero pareceulles máis cool Mariño de Lobeira e quedoulle así. As cousas son como son e se non fose polas nove ondas non habería Mariños, que Porviso non as tiña todas consigo.