«Traballar cos mozos é complicado, pero é posible chegar a eles»

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA/LA VOZ.

AROUSA

Uniuse no pasado mes de agosto á gran familia da Cruz Vermella de Boiro, onde traballa como técnica. Do seu labor, Isabel Gómez destaca as actividades que se levan a cabo para concienciar á mocidade.

-¿Que actividades se levan a cabo desde a área na que traballa?

-Levamos a cabo un programa de prevención de condutas violentas nos institutos de Boiro. Tamén temos un plan de educación para a saúde nos centros educativos.

-Á hora de levar a cabo estas e outras actividades, ¿teñen problemas para atopar voluntarios?

-Hai moita xente que quere ser voluntaria, o que ocorre é que non todos son activos, é dicir, moitos non están dispoñibles cada vez que organizamos unha actividade.

-O xoves participaron na conmemoración do día contra a violencia machista, ¿que nova actividade están a preparar?

-A próxima campaña que se vai desenvolver será o 1 de decembro, con motivo da conmemoración do Día Mundial da Sida. Imos instalar mesas informativas en diversos puntos do municipio para informar á cidadanía.

-Leva poucos meses na Cruz Vermella de Boiro pero, ¿que balance fai da experiencia?

-Estou moi satisfeita. Gústame sobre todo o labor que levamos a cabo nos institutos. Traballar cos mozos é complicado, pero é posible chegar a eles.