13 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Evagrio Póntico, monxe asceta que viviu no século IV da nosa era, cábelle a honra de ter enunciado por vez primeira os pecados capitais, que naquela súa formulación non eran sete, como establecería tempo despois Santo Gregorio, senón oito. A saber, a gula, a luxuria, a avaricia, a tristura, a ira, a fachenda, a apatía e a vaidade. Esta última eiva, denominada cenodoxia polo noso cenobita, debía de ser a ollos dos seus contemporáneos tremenda e imperdoable por canto, das oito terribles tentacións que provocan a perdición do home, era unha das máis letais, capaz de «corromper todo canto toca». A arrogancia, sostén o bo de Evagrio, é «un tumor da alma cheo de pus que ao acadar a madurez descomponse en desagradable desfeita». Non se lle pode negar certa graza á prosa do noso frade. Mais o conto é que, co paso das centurias, o termo perdeu enormidade para vir denotar hoxe en día esa sorte de sentimento de orgullo desmedido de quen pide para si privilexios que exceden os seus merecementos. Combinado ou non coa prepotencia -abuso ou alarde de poder- non é de todo infrecuente entre futbolistas, actores, empresarios, xuristas, xornalistas, músicos, artistas e políticos varios.