Unha saída en falso de Kiko decantou o Ribadumia-Sanxenxo a favor do equipo visitante, que contou cun gardameta máis acertado
02 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Á hora de enfrontar a un adestrador co derbi de turno, son poucos os técnicos que foxen da análise arquetípica. Nun choque de rivalidade, o detalle presúmese como elemento determinante no sino do partido. A única nota capaz de rachar a monotonía de dúas orquestras que apostan polas pezas de toda a vida, fiadas á esperanza dun pequeno erro de interpretación da banda rival para gañarse o favor exclusivo do auditorio.
O domingo, na Senra, o Xuventude Sanxenxo soubo executar sen fallo a melodía de Calucho. Unha composición sen grandes alardes, pero que na súa complexa sinxeleza resolve o cometido para a que foi creada: triunfar. A sinfonía de Carducho, pola contra, sufríu a espesura dunha parte da orquestra ribadumiense, quizais inda despistada a estas alturas da xira polos arranxos que o director lle engadíu para mellorar o espectáculo na nova tempada.
Sanxenxo e Ribadumia despregaron todos os seus recursos artísticos sobre o verde e ben pasado por auga palco da Senra. Disposto sobre o escenario cun debuxo en 5-3-2, con Diego Blanco como solista e Cuchi facéndolle os coros, o cadro visitante buscou os primeiros golpes de efecto nada máis comezar o encontro. Cuchi mandou o balón pegado ao pao dereito de Kiko nun saque de falta afastado, e o porteiro abortou pouco despois un disparo a bocaxarro de Alfonso a pase ao oco de José Ángel.
Ao cuarto de hora o Ribadumia alzou o seu son no febril concerto en estéreo da Senra. Roberto, entonadísimo, asistíu cun preciso pase desde as cercanías da frontal da área visitante a Berto para que este, en carreira, se topara coas mans de Vladi, que enviaba o coiro a córner. Un estribillo repetido noutros dous lances do primeiro acto, con Roberto elevando a plasticidade dos seus pés ás entradas dun Berto que, pola contra, se empecinaba en pasar por alto do pentagrama de Vladi na execución dos seus agudos.
A boa execución xeral da banda de Ribadumia, que levou o peso da maior parte do concerto, tería agochado o desafino de Berto de ter sido este o único en saírse da partitura. Pero só catro minutos despois dunha acción semellante, con Diego Blanco cabeceando a pracer na entrada da área grande un centro sen aparente perigo, Kiko voltou a abusar de falsete á media hora da actuación saíndo do seu rexistro para tentar cortar un balón colgado aos seus dominios. Moi rematou a pracer, e se ben o balón pegou no poste, o músico do Sanxenxo repicou transformando o rexeite no 0-1. O detalle.
Tras o receso, o Ribadumia seguíu ofrecendo a música máis elaborada, pero o Sanxenxo soubo igualalo en golpes de efecto sen eco. Ao contrario ca Kiko, Vladi afogou sempre as voces máis afinadas da orquestra local.