O garaxe submarino

AROUSA

A finais dos 70, o xenial debuxante Jean Giraud, máis coñecido coma Moebius, perpetraba dende as páxinas da revista Metal Hurlant unha das máis desconcertantes trasnadas da historia do cómic. O garaxe hermético , un aparcamento que só aparecía nun par de viñetas, facía as veces de título para as desventuras do enxeñeiro Bernier, un baldreu capaz de acometer tremendas desfeitas co seu proxector de partículas. Por non ter, aquel desbarre non tiña nin guión. Pura improvisación, neuronas funcionando ao chou. Postos a materializar algo semellante en Vilagarcía, teño o atrevemento de propoñer dende estas liñas que o Concello vaia moito máis aló na súa xestión rachadora. Esnaquicen, amigos munícipes, todos os seus prexuízos de pequenos burgueses metidos a gobernantes e atrévanse a soñar de verdade por unha vez. Constrúan, fronte o peirao de Pasaxeiros, o primeiro párking submarino de Occidente. Pode saír un pouco máis caro có de Fexdega, pero, qué carallo, van vir aparcar ata de os de Ribeira polo pracer de ollar tan grande marabilla e ver aboiar, por riba das súas cacholas, alegres zurulletes camiño da praia da Compostela.