O Grove non é Oviedo

J.A.Aguín

AROUSA

Hai uns días, na Gala do pregón da Festa do Marisco, o presentador do evento quixo facer un xogo de palabras con O Grove e Oviedo, comparándoos para ensinarnos a dicir o nome do noso pobo, chegando a conclusión de que O Grove se dí coma Oviedo coa "O" galega.

O que eu vou a falar deseguido non ten nada que ver co que este presentador quixo dicir, pero si me dou a idea do título para esta carta, pero no sentido contrario, O Grove non ten nada que ver con Oviedo.

Estes días estivemos a ver na televisión todos os preparativos para entrega dos Premios Príncipe de Asturias, a chegada de todas as autoridades a Oviedo, todos os actos previos e a propia Gala de entrega aos premiados. En todos eles están presentes as bandas de gaitas e grupos folclóricos asturianos, enchendo coas súas músicas todos os recunchos da capital asturiana e ensinando ao mundo unha mostra da súa cultura.

«Intenta afundirnos»

Aquí no Grove, o concelleiro de Cultura tenta afundir a asociación que ten a escola de baile e o grupo de baile con máis compoñentes do pobo, e que ademáis ten o único grupo de gaitas no concello.

Mentras en Oviedo coidan a cultura propia do seu país, o noso concelleiro Antón Mascato négalle o máis mínimo á Asociación Cultural Cantodorxo; nos tres anos e medio que leva no cargo non tivo a delicadeza de chamarnos para ningún acto dos poucos que organizou neste tempo, no reparto de axudas as asociacions sempre nos discriminou e, agora por último, na Festa do Marisco, cando o Grupo de Baile Cantodorxo nos preparabamos para a actuación na carpa-auditorio, desprezounos, ninguneounos e ata chegou a negarnos o micrófono que alí había, pagado polo Concello, para presentar a actuación a todo o público que enchía as gradas para vernos.

Recomendación

Antón, aprende de Oviedo e coida un pouquiño a cultura do noso concello. E deixa de ser unha lacra nestes meses que che quedan no posto, pois Cantodorxo xa pasou por moitos concelleiros de Cultura e ti non vas ser o último, por moito que o intentes.