Irmanar o esperpento e Lorca

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

A Fundación Valle-Inclán centrará boa parte dos seus actos do 75 cabodano do vilanovés enlazándoo co escritor andaluz

08 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O padroado da Fundación Valle-Inclán reuníuse na tarde de onte para abordar o programa de accións culturais que a entidade desenvolverá ao longo do 2011 no 75 cabodano do literato vilanovés. E dada a coincidencia da efeméride coa do pasamento de Federico García Lorca, desde a fundación galega preténdese unir as figuras dos dous ilustres escritores coma elemento motor dunha parte importante das súas actividades do vindeiro ano.

Con tal fin, a entidade vilanovesa baralla a posibilidade de explotar a adaptación que este verán realizou a Escola de Teatro Valle Innova de dúas pezas dramáticas de Lorca e dunha de Valle Inclán, quen exerceu unha grande influenza na obra dramatúrxica do granadino. Baixo o título Femeninas. Semillas de Sangre y Honra , estúdase a posibilidade de representar a adaptación nalgún dos espazos museísticos dedicados a Lorca en Granada para honralo tamén no seu 75 cabodano. Deste xeito preténdese xerar lazos de unión entre as casas museos de ambos escritores, e por iso o padroado acordou iniciar os contactos coas casas museo de Lorca en Huerta de San Vicente e en Fuentevaqueros, propoñéndolles a actuación en agosto do 2011, mes no que o literato andaluz fora asasinado durante a Guerra Civil.

O teatro será un dos principais cauces cos que a Fundación Valle-Inclán tentará aproveitar a efeméride do 2011 para dar un paso máis e promocionar o seu labor de difusión do mundo valleinclaniano desde Vilanova ao resto do mundo.

Ademais da conexión lorquiana, tentaráse que a Escola de Teatro Valle Innova participe nos actos de homenaxe a Valle que como cada ano se convocan en Madrid baixo a etiqueta de Noche de Max Estrella. Unha oportunidade única, entenden na Fundación, para que os numerosos escritores, dramaturgos, actores e demais afeccionados ao mundo do creador arousán coñezan o labor de divulgación realizado desde Vilanova.

Unha gran montaxe

Na mesma liña, a escola de teatro traballa na posta en marcha dunha gran montaxe coa que percorrerá toda Galicia. Un proxecto que compaxinará coas visitas guiadas e dramatizadas nas que colaborará a partir do vindeiro mes na Casa Museo de Valle-Inclán, cunha representación programada ao mes.