Un gol na portería das letras

María Santalla VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

O ex xogador do Arousa Víctor Castro, Tito, compaxinou o deporte cos libros e hoxe presenta unha antoloxía poética

06 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Os seus pais tiñan asumido antes de que nacese que Eduardo Víctor Castro López ía ser futbolista, porque as patadas na barriga de súa nai así o predicían. Non tardaron moito en decatarse de que tamén lle tiraban as letras, porque cando ía co seu pai cazar ou pescar «levaba sempre un lapis no morral», lembra. E así foi. Os vaticinios dos seus pais cumpríronse e o vilaxoanés Víctor Castro, máis coñecido como Tito, foi futbolista -xogou no Arousa- e foi -aínda é- escritor.

Esta tarde, Tito presenta no auditorio de Vilagarcía, a partir das oito, unha antoloxía poética á que lle puxo o título de Retellando . Segundo el mesmo explica, o libro «divídese en catro partes, na primeira hai un pouco de todo; na segunda, un micopoemario no que as estrofas xiran arredor da temática da micoloxía; a terceira está composta por textos recollidos baixo a denominación O amor en compás de 4x4 ; e por último, o cuarto apartado leva por título Garamillos e gaiolas .

Tito é poeta, pero ten os pés no chan e por iso non vai de creador, senón dunha persoa coma calquera outra que se fixo escritor «por amor á lingua, porque eu sei que sen a lingua Galicia desaparecerá como pobo».

Pero ademais deste interese pola lingua, Tito ve algo máis nas letras: «Descubrín na poesía algo moi importante, as súas calidades terapéuticas. Eu todos os días fago unha catarse». Este fermoso intercambio entre o autor e a escrita fai que a traxectoria de quen tamén se fai chamar EV. Calo no mundo da escrita sexa especialmente fecunda. De feito, para o vindeiro ano xa ten confeccionado un novo libro que vai levar o título de Muxicas .

Pero de momento toca falar de Retellando , a obra que hoxe será presentada no auditorio nun acto no que Víctor Castro estará acompañado por outro arousán namorado coma el da cultura, Carlos Puga.

Onte, ámbolos dous estiveron no auditorio co concelleiro Xosé Castro Ratón para anunciar o acto desta tarde. Nesa comparecencia, Puga destacou que a obra que ten editada Tito «é moi curiosa», lembrando que chegou a compoñer un libro enteiro sobre os cogomelos. Pero, ademais, «amosa os sentimentos, os amores e os desamores. É unha persoa sincera, que conta as súas vivencias, de maneira que un se ve reflectido moitas veces no que di».

Estes méritos súmanse aínda a outra calidade máis, a que fai de Tito un auténtico «desenterrador de palabras galegas que ninguén utiliza», segundo a definición de Carlos Puga. «Coida moito, ata o extremo, a linguaxe», conclúe.

Quen queira comprobalo ten esta tarde unha cita na sala de conferencias do auditorio vilagarcián, onde este futbolista profesor escritor presentará o seu traballo.