Movéndose coma peixes na auga

Carolina Laya VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

Tino Pérez adestra aos piragüistas das categorías superiores do club de Cambados, e a súa filla, Paula Pérez, tomoulle o relevo como monitora da base

26 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Os atletas galegos destacaron sempre en deportes acuáticos coma o piragüismo. Estes bos resultados derivan en que sexan cada vez máis os que se animan a iniciarse nesta práctica que, pese a todo, segue a ser considerada minoritaria.

Tino Pérez González foi, nos anos 70, un dos que probou sorte no piragüismo. O seu comezou sendo só afección, pero a medida que pasaba o tempo, foise namorando desta práctica, chegando hoxe a compaxinar o seu traballo no mar como mariscador co de monitor do equipo de Cambados e coa competición nas probas para veteranos. Esta paixón foi a que o levou a obter un merecido oitavo posto no último campionato de España.

Nesta mesma proba participou a súa filla, Paula. Ela fíxoo na categoría sénior, na que conseguiu subir ao terceiro caixón do podio. Pero non é este o único bo resultado da cambadesa. Pois tamén foi sexta no campionato do mundo disputado en Formentera, e obtivo resultados moi satisfactorios ao largo da súa carreira en probas disputadas por toda España.

Cando os dous lembran isto a Tino ilumínanselle os ollos, pois non pode deixar de pensar a calidade que a súa filla desprendeu como palista dende pequena. Lamentablemente, un problema de saúde non deixou que Paula ingresara no ano 2004 no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra, e limitou o resto da súa carreira en torno á alta competición.

Lonxe de derribarse, a rapaza soubo sacar o lado bo deste contratempo, e agora está metida de cheo en ensinar a outros piragüistas. «Gústame todo o que é ensinar aos demais. O que eu non puiden facer, gustaríame que o fixeran os meus alumnos», explica. «Produce unha gran satisfacción ver a un dos teus piragüistas acadando bos resultados. Sentes que estás a facer ben o teu traballo», engade a moza.

Cando Paula era máis pequena adestraba co seu pai. «Ela era o exemplo perfecto para os demais. Facíao todo sen poñer nunca unha escusa. Tiña claro que se quería quedar ben, tiña que esforzarse, e cumpría». Tino acompañábaa ás competicións e era o primeiro que a animaba a loitar por un bo posto. Tamén ía ao seu carón na piragua, pero agora xa case non coinciden no mar, pois «ela sempre vai diante» di o seu pai.

A rapaza comezou nisto con tan só 7 anos. «Empecei influenciada por meu pai, aínda que logo, ao probar, foime gustando cada vez máis» sinala Paula. Trece anos despois estálle xa a tomar o relevo xeracional do seu pai, até o punto de que agora é ela a que se encarga de adestrar a uns 25 piragüistas das categorías de benxamín, alevín e infantil, «e algúns de cadete tamén, os do primeiro ano. Do resto encárgome eu, pero co tempo farao ela. Creo que deixo isto en boas mans» sinala Tino.

Entre os pupilos da súa filla está o seu outro vástago Miguel Ángel, que este ano erixiuse como campión galego da súa categoría. Até aquí chegou grazas a un traballo duro baixo a batuta da súa irmá e grazas aos consellos do seu pai. No verán, os nenos do club de Cambados adestran todos os días pola tarde arredor de tres horas, nas que alternan sesións de carreira, ximnasio e piragua. Así, non hai dúbida de que esta canteira de piragüistas ten aínda moito que dicir.