«O Grove é perfecto para rodar»

La Voz VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

Leva 15 anos metido no mundo de espectáculo, sempre detrás da cámara. O traballo lévao a Madrid boa parte do ano, pero as fins de semana exerce de meco en toda regra

11 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Bea Costa Leva media vida coa cámara na man, en non é unha frase feita. No ano 1990 xa andaba polo Grove gravando vodas e no 91 entrou no mundo da televisión como operador de cámara para o Luar da TVG. Axiña montou a súa propia produtora para facer traballos de publicidade e logo dunha paréntese dun ano exercendo de profesor na antiga Universidade Popular de Vilanova, embarcouse en Telesalnés . Daquela, en 1993, non era máis que un proxecto que soaba quimérico. Moitos pensaron que a televisión local nunca daría arrincado, pero arrincou no 94 e aí segue, xa como Canal Rías Baixas . Virvi hai moito que deixou este barco. «Xa se sabe, onde hai moita xente metida sempre acaba habendo problemas», explica. Así que aos dous anos colleu o petate e marchou a Madrid, na procura dunha oportunidade.

Foi quen de «entrar no círculo, porque, neste oficio, se non entras no círculo non hai nada que facer, e logo tes que demostrar que vales, porque senón danche a patada». Os seus primeiros traballos na capital foron como operador de cámara para series como Periodistas e Compañeros , e logo virían outros traballos para Los Serrano , Aquí no hay quien viva , Botones Sacarino y La Señora .

Versatilidade

Virvi Fraga dálle a todos os paus. Tan pronto pode traballar na dirección, na produción ou na realización. A faceta que lle está a dar agora máis traballo é a de steadicam -estabilizador de cámara, consistente nun sistema de suspensión e brazo recto que manexa a pulso e o operador- pero ten a súas preferencias. «O que máis me gusta é escribir e dirixir pero cando teño responsabilidade gústame tocar todos os apartados da rodaxe. Son un tolo do meu traballo, gústame moito». Iso si, aínda que se define como unha persoa extravertida e festeira onde as haxa, cando traballa «teño moi mala leche , son moi rigoroso». Agora segue enredado coa televisión. Ata o 30 de xaneiro ten traballo en Cuéntame , na preparación da gala de Fin de Ano de TVE e pronto vai empezar a rodaxe dunha nova serie para Antena 3.

Por sorte, traballo non lle vai faltando, pero no audiovisual tamén pega forte a crise. «Nótase moitísimo. Desde xaneiro caéronseme catro series. Eu, en cinco anos, non parei de traballar en todo o ano e en tres meses deste 2010 só traballei quince días. Agora empeza a levantar, pero hai moita xente no paro», afirma. E moitos dos que conseguen traballar, fano por menos cartos. Unha das consecuencias da crise é que están baixando os gastos de produción de xeito que o persoal técnico está cobrando un 30% menos polo seu traballo.

«Agora hai máis teles pero grávanse menos series, porque hai máis reposicións e as televisións van ao barato». Abofé que aforran. Segundo explica Fraga, a rodaxe dun capítulo dunha serie española anda polos 300.000 euros por unha semana de traballo, e se a serie é de época, estilo Águila Roja , o orzamento pódese disparar ata os 500.000. E iso debe competir con «paquetes de dez capítulos, de culebróns por 80.000 euros».

Pero non só da televisión vive Producciones Audiovisuales Virvi Fraga. Tamén ten feito, e segue facendo, vídeo clips, o último para a orquestra Panorama. Para o grupo Santa fe xa fixo tres traballos, algún deles no Grove, e é que sempre que pode vense á súa terra a gravar. «O Grove é perfecto para rodar», sentenza.

Na casa, máis facilidades

O problema é que as discográficas e os artistas non sempre deixan a criterio da produtora a elección das localizacións e iso fai que Virvi traballe no seu pobo menos do que el quixera. Pero as fins de semana non perdoa, e a non ser que haxa un compromiso importante por aí adiante «o venres subo ao Grove para estar coa miña filla». Virvi ten dous fillos, unha de sete e outro de dezaoito anos, e iso tira moito. Ademais, no Grove ten familia e os amigos e, á hora de traballar, tamén atopa moitas máis facilidades. «Aquí non tes problemas para cortar unha rúa, en Madrid cóbranche e hai que cubrir unha chea de permisos; e no Grove sempre hai quen che presta o seu hotel para gravar. A xente colabora moito». Este ano leva a organización da Gala da Festa do Marisco, que terá lugar en outubro e para marzo trasladaráse ao Grove con todo o seu equipo para rodar unha curtametraxe de 20 minutos, da súa total autoría, coa que está moi ilusionado. Para esta tempada tamén ten traballos pendentes coa TVG, o cal fará que se deixe ver máis polo seu pobo.

E logo está o entroido. Virvi, como bo grovense, leva a cultura da comparsa no sangue. Non soe fallar ao entroido meco. Fundou no ano 85, con Gonzalo Barbeiro, os Garoulos, e xa non parou. Nin sequera cando marchou porque empezou a haber problemas no grupo, di el, a raíz de que entraron as mulleres. «En doce anos estivemos só homes e nunca houbo problemas».

Logo cambiou para os Firrás pero o ano pasado meteuse noutra allada. Formou As do 806, comparsa masculina exclusivamente, para a que non se descarta que haxa unha segunda entrega con As do 807. Pero iso aínda está por ver, matiza.

Moito divo

A súa traxectoria profesional lévao a manter contacto directo con moita xente do espectáculo. Preguntámoslle por ela. «Si, traballei con moitos artistas famosos. Fixen traballos para Pereza, Chenoa, Rosana, Sergio Dalma, Fito y Fitipaldis, Bustamante..., teño moitos números particulares de artistas na miña axenda». Pero á hora de falar deles, impera a prudencia profesional e prefire non dar nomes propios. «Neste mundiño hai moito divo e moito prepotente. Tamén hai xente da que pensas unha cousa e logo, cando a tratas, ves que é unha persoa encantadora».