O Ribadumia inicia unha nova tempada na Preferente Sur cunha esixente proba, visitando esta tarde (18.30 horas) a un Lalín que chega da Terceira División e que promete loitar ata o final por retornar á que semella a súa categoría natural.
O adestrador do cadro do Salnés, Carducho, puido ver xa en acción o seu rival de hoxe. Concretamente, no seu recente partido de Copa Deputación co Nigrán. E se ben o conxunto dezao perdeu 2-1, o técnico do Ribadumia quedou gratamente impresionado polo seu xogo. Un fútbol no que se conxuga a conservación da sólida defensa pola que é tradicionalmente coñecido o Lalín cun xogo máis combinativo á hora de encarar a portería rival co que practicaba na Terceira. O troco de adestrador, coa chegada de Peluso por Acevedo, deixouse notar xa no adversario dos de Carducho.
O Ribadumia conta na estrea ligueira coa súa última fichaxe, Marcos Pazos, lateral dereito de 20 anos procedente do Pontevedra B, club no que se formou. Unha chegada precedida polo adeus de Julio, descartado finalmente por Carducho para o plantel da Senra.