Onte, tantos anos despois, o doutor Xosé Moreira Casal foi por fin inscrito no listado de fillos predilectos de Vilagarcía. Todo o mundo coñece a súa dedicación á xente, concibindo a medicina como unha ciencia aberta e necesaria para todos, independentemente dos recursos económicos que se teñan e o apelido que figure no carné de identidade. Pero hai máis cousas que tamén deben ser explicadas. Por exemplo, que pola súa significación política foi encadeado durante case dous anos ao estoupar a guerra. Que se deu cos seus osos en Teruel foi porque o novo poder o desterrou e nin sequera lle deixou intervir na operación á que foi sometida a súa muller. Que os homes e mulleres que, en 1994, cando morreu enfermo, derrotado e desencantado, colleron o seu cadaleito a ombros en Rosalía de Castro e o levaron con dor e agarimo ata o camposanto de Rubiáns sufriron, despois, duras represalias por aquela calada mostra de solidariedade e agradecemento, nin sequera de protesta. Tendo todo isto claro, sen xenreira pero con lembranza indeleble, se cadra o seu tataraneto Jorge, que onte bulía no salón nobre de Ravella, poida recordar a historia do seu tataravó e a súa xente con verdadeira concordia.