Por San Xoán, en Vilagarcía

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

Concello, hostaleiros e comerciantes convidarán o mércores a sardiñas, viño e lume na noite máis curta

18 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O ano pasado o Concello de Vilagarcía atreveuse por fin a darlle pulo á celebración da noite de San Xoán no marco que calquera agardaría: a praia da Concha. O bo resultado daquela experiencia leva a repetila agora, co obxectivo de que esta data fique na memoria dos arousáns á hora de festexar a chegada da era da luz no ciclo anual. A concellería de Promoción Económica, dirixida por Rosa Abuín, alíase de novo coa asociación de comerciantes Zona Aberta e coa Asociación de Hostaleiros e Iniciativas Turísticas de Vilagarcía (Ahituvi) para convidar aos cidadáns a un menú tradicional composto por lume, sardiñas e viño. Será o mércores, a partir das dez do serán, aproveitando o momento no que o sol comezará a caer cara á ría de Arousa.

Desta volta, subliñaron Abuín, Roberto Gerpe e Rocío Louzán, a organización dispón de viño tinto e 250 quilogramos de sardiñas que, contando a dúas pezas por cabeza, deberían satisfacer a unhas 1.500 persoas. Tendo en conta que no 2009 se calcula en tres mil o número de quen se achegaron probar as xoubas, e que o volume de vianda dispoñible era entón duns cen quilos, é de supoñer que se o tempo acompaña este será un magnífico, aínda máis, bandeirazo de saída para o verán.

Animación e Troula

A animación que cobra forma na Concha non se limita á zona da praia. Ademais da tradicional cachada da Covacha, en Carril, serán moitos os locais hostaleiros do centro que asen sardiñas para celebrar a entrada no tramo estival do ano. Para esta ocasión, o Concello contará de novo cun grupo de animación de rúa que, iniciando o seu percorrido nas rúas do casco urbano, ira achegándose aos poucos cara a grande cacharela. A agrupación Troula terá, neste sentido, un protagonismo especial. Demos, meigas e trasnos, capaces de facer todo tipo de malabarismos co lume, marcarán de novo a súa pegada na noite vilagarciá.

Como a oportunidade o merecía, os representantes de comerciantes, hostaleiros e Concello presentaron a celebración onte á maña a pe de praia, no mesmo lugar onde o mércores arderá a noite. A última das mesas do piñeiral da Concha serviu como espléndido soporte para degustar as primeiras sardiñas da tempada, asadas e transportadas aínda quentes ata o areal por Roberto Gerpe e Andrés, responsables de A Ría e O Fogón da Ría, e da cafetería A Mariña e o pub Musaraña. O brinde foi con viño de Martín Códax, Pazo da Bouciña e Loairas, de Isidro Fariña.