O arquipélago do Grove

X. A. OCHOA

AROUSA

E logo, qué vén sendo unha illa? A primeira definición, a escolar, é aquela de que se trata dun espazo de terra rodeado polo mar. Está ben: no Grove hai, entón, A Toxa, Toxa Pequena, Marma, Tourís, Pombeiro. Son illas no sentido puro da palabra. Pero tamén se debe entender que unha illa é un espazo de terra rodeado de zona marítimo terrestre e diferenciala dunha península que sería un espazo de terra rodeado por todas partes menos por unha de zona marítimo terrestre.

A Lei de Costas de 1988 inclúe na ZMT as dunas e así ocorre que O Grove, sen contar as illas strictu sensu, ten un perímetro aproximado duns vintecinco quilómetros e a anchura do chamado istmo é, tamén aproximadamente, un mínimo 3% desa cifra. Pero ese istmo é unha duna e o deslinde da zona marítimo terrestre, competencia estatal como se sabe, inclúeo todo el como zona marítimo terrestre. Polo tanto parece claro que O Grove é, como foi no pasado, unha illa e non só socioloxicamente e nas súas comunicacións, afastado de todo, illado, por mor de sucesivas políticas baseadas nesa conciencia, subconsciencia, de illa que tende a autoabastecerse e a considerarse unha especie de microcosmos.

Natureza protexida

Esa fermosa illa está, como é lóxico e despois de tanto tempo loitando porque existiran esas figuras, protexida por moi diversa normativa medioambiental -lei de Costas, Rede Natura, zona Ramsar, ZEPA, etcétera- que abarcan unha superficie moi importante do territorio que noutros lugares serían benvidas, como o son tamén aquí pola xente do común responsable e que loita por garantir o futuro deste curruncho. Esa situación fai que o territorio do Grove teña un interese superior ó municipal e de carácter xeral e público que fai que as decisións que lle afecten non poidan ser tomadas desde unha óptica local. Pero é que ademais na maioría das forzas sociais e políticas locais concorre unha irrefreable tendencia ó fácil, ó rápido, ó consumo inmediato, a escoitar ó vociferante e non son quen, por falla de compromiso ou de responsabilidade, de caer na conta de que o futuro dese seu arquipélago é a conservación da natureza.

Resulta pois, imprescindible, que se teña en conta a tódolos niveis -comunicacións terrestres e marítimas, urbanismo, compensacións pola figuras de protección natural- a insularidade do Grove e se actúe en consecuencia. Para iso necesítase xente comprometida que nos defenda por vivirmos nun lugar diferente. Hoxe por hoxe non parece que a teñamos. Pero estou seguro: habela, haina, e aquí ou fóra.