A Xunqueira está de vésperas

María Santalla VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

O barrio vilagarcián celebra esta fin de semana as súas festas patronais, que abren mañá co teatro de Clámide

27 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Na Xunqueira están hoxe de vésperas, á espera de que mañá comece unha fin de semana moi especial, na que o barrio vilagarcián celebra as súas festas patronais.

A programación festiva comeza mañá venres coa actuación do taller de teatro Clámide. A partir das nove e media da noite, a agrupación que preside María Araújo poñerá en escena a obra El amor es un potro desbocado , do autor Luis Escobar. Unha peza que o grupo estreou hai uns días e que volverá interpretar de novo nesta sesión de mañá.

O sábado comezarán as celebracións ben cedo, cunhas alboradas a cargo do grupo de gaitas e baile A Nosa Señora da Xunqueira, e tamén de Os Terribles de Arousa.

Un dos clásicos de toda celebración parroquial que se prece é o partido de casados contra solteiros. Na Xunqueira non se subtraen a este costume, pero con innovacións. Neste caso son as mulleres de Fontecarmoa e A Xunqueira as que disputarán este partido no pavillón do colexio da Lomba.

E do deporte á relixión, porque o seguinte acto será, a partir das oito e media, a misa solemne cantada pola coral parroquial da Nosa Señora da Xunqueira e Santa Eulalia. A continuación haberá unha procesión na que participarán a banda de música de Vilagarcía e varios grupos de música.

Unha sesión de baile por parte do grupo parroquial precederá á verbena, na que actuarán Passarela e Benidorm.

Moita troula o domingo

Unha vez que finalice a festa, cómpre ir descansar, porque aínda queda moita troula para o domingo. Nada menos que ás seis da mañá comezarán os veciños do barrio da Xunqueira a confeccionar as alfombras florais. Neste senso, os organizadores fan un chamamento a quen desexe participar, posto que precisan colaboración.

Un pouco máis tarde chegarán as alboradas da man da banda de música de Vilagarcía e do grupo de gaitas A Nosa Señora da Xunqueira. Ata que, ás dez e media, teña lugar a misa na que os rapaces do lugar que se prepararon para iso reciban a primeira comuñón. Neste caso, os oficios estarán cantados polo coro xuvenil.

Ás doce e media será a misa solemne, que neste caso contará coa participación da coral polifónica de Sobradelo. Unha vez finalizada a celebración e máis a procesión, haberá un concerto da banda.

Como ao día seguinte tocará traballar, a festa do domingo rematará máis cedo. Para poñerlle fin haberá, a partir das seis da tarde, xogos para nenos.