Engordando o dragón

AROUSA

Os precursores da psicanálise defendían que o recoñecemento da orixe dun problema psíquico brindaba a vía cara a súa curación. Pensaban que cando un trauma se facía consciente, o seu poder aniquilador ficaba conxurado. Trabucábanse, os pobres. Hai tempo que todos sabemos onde está o mal e como se xerou. A implacable subordinación da economía real, produtiva, á especulación dos mercados de valores, nos que os cartos son manexados coma unha mercancía máis, é o cancro. A avaricia insaciable dos poderosos é o seu alimento. O escenario, un mundo globalizado a machada, desfeitos os vencellos entre home, cultura e espazo para permitir mellor a osmose do capital que perfora fronteiras e fai tremer gobernos e estruturas sociais. A miopía do engano cotiá, que leva aos xestores das distancias curtas, munícipes, xerifaltes autonómicos, a vivir instalados na contradición permanente e esmagar a súa xente -hoxe douche esta subvención, mañá arruínote abrindo un supermegacentro comercial que lo flipas- constitúe a súa infantería. O peor de todo é que, identificada a enfermidade, ninguén fai nada. Ao revés, engordamos o dragón coma pasmóns paralizados no diván.