O auditorio vai de romería

María Santalla VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

A música galega centra a proposta cultural de Vilagarcía para o sábado, da man de Treixadura e Faltriqueira

11 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Son varias as formacións que en Galicia traballan para darlle un aire contemporáneo á música tradicional, aquela que os de maior idade lembran nas romerías daqueles anos. Dúas das de maior sona, Treixadura e Faltriqueira, compartirán o sábado escenario no auditorio de Vilagarcía.

A actuación, que dará comezo ás nove da noite, forma parte do programa Xacobeo raíces , e está promovida polo Concello de Vilagarcía e por Caixanova. O prezo das butacas é de cinco euros en calquera das zonas do auditorio, e xa están á venda a través da páxina web de Caixanova ou do servizo telefónico 902 504 500.

Na presentación deste concerto dicía onte o concelleiro de Cultura, Xosé Castro Ratón, que «ver a Treixadura no auditorio é algo que desexaba desde hai tempo», porque aínda que non é a primeira vez que actúan en Vilagarcía -estiveron hai un par de anos na Xunqueira e tamén en Trabanca Badiña-, si que será a primeira ocasión na que a súa música soe desde un escenario coma o do auditorio. Por iso o concelleiro, que estivo acompañado na presentación por Moncho Marín, de Treixadura, e por un representante de Caixanova, animou ao público a asistir a este «evento musical que tardaremos tempo en volver ver».

A formación estará en Vilagarcía coas súas dúas seccións, a dos gaiteiros e o orfeón. Son, en total, quince músicos coñecedores e amantes da tradición que se xuntan para desenvolver o seu traballo sobre esa base. «Nós recollemos o testemuño dos coros galegos de principios do século XX», explicaba onte o vilagarcián Moncho Marín.

Despois do éxito conseguido co seu último disco, Unha semaniña enteira , co que venderon máis de 7.000 copias, Treixadura prepara xa o próximo, que levará por título Esta si que é muiñada , que suporá o peche da serie comezada con Unha noite no muíño .

Pola súa banda, a ben coñecida Faltriqueira é unha formación integrada basicamente por mulleres que recollen a herdanza das pandereteiras das vilas. Teresa, Carolina, María e Ana estarán acompañadas polo acordeón de Jorge Juncal, as percusións de Roi Adro e as cordas de Pascal Gaigne.

Quen guste da música galega pode ir adquirindo as entradas a través de calquera dos sistemas de venda, posto que non só se espera encher totalmente o aforo, senón que ao seren prezo único agárdase que os tiques para as zonas A e B do patio de butacas, as máis próximas ao escenario, queden axiña esgotados.