Hai oito anos que a moza carnotá Eva Quevedo Vázquez entrou en contacto co mundo equino e, desde entón, pasa boa parte do seu tempo libre coa súa egua, Shena .
-¿Coida vostede á egua?
-Temos dous cabalos que coidamos entre meu pai e eu.
-¿Cales son as súas tarefas?
-Pola mañá, vou darlle o penso, logo lévolle herba, e á hora de comer máis ou menos lévoa ao pastizal. Pola noite, cando se recolle, volvo a darlle penso. Para ter un cabalo tes que dispoñer de tempo para dedicarllo.
-¿Cal é a parte do día na que máis goza de «Shena»?
-Os fins de semana, que saímos de ruta, temos ido a moitos sitios: Baio, Corcubión, A Romaxe, e fixemos o Camiño de Santiago.
-¿Hai algún momento que lle desguste especialmente?
-Ás veces, se fago saídas con outros xinetes, ponme nerviosa cando vou detrás doutra egua e zosca unha patada, pode ser perigoso.
-¿Como aprendeu a montar?
-Aprendín coa axuda dun veciño e co meu pai, non foi difícil, porque Shena é moi mansiña, non utilizo fusta nin espolas, comunícome con sons. -Pertence a asociación A Xuntanza, ¿como foi a ruta que fixeron o fin de semana entre Muros e Carnota? -Xenial, o bo das rutas é que imos todos como compañeiros e pasámolo moi ben facendo festa. A mágoa é que case non hai xinetes mulleres na asociación, só somos dúas.