A Travesía da Toxa congregou o pasado sábado a preto de 400 palistas de 32 clubs, na que foi a segunda regata do calendario da Copa Galega de Ríos e de Travesías. O As Torres-Romaría Vikinga voltou a demostrar a súa condición de referencia na especialidade, sendo o mellor equipo no circuito establecido entre o peirao do Grove e as inmediacións da ponte da Toxa. O club catoirense sumou 1.804 puntos nas dez probas disputadas, polos 1.101 do Escuela Piragüismo Ciudad de Pontevedra e os 1.051 do Piragüismo Illa de Arousa. Tamén estiveron no Grove o equipo anfitrión, o Breogán, noveno na clasificación final con 588 puntos, o Náutico O Muíño de Ribadumia, decimoquinto con 420, o Piragüismo Cambados, decimonoveno con 246, o Náutico Pontecesures, vixésimo con 184, e o Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, vixésimo sétimo con 80 puntos sumados. A nivel de embarcacións, houbo catro vitorias arousás, ademais de dous segundos postos e outros tantos terceiros. O club vencedor contou con catro tripulacións nos respectivos podios das súas categorías e especialidades. Elvira Longa Taibo e María Pérez Piñeiro impuxéronse na regata de Dama Sénior K-2 cun crono de 49.42,260 nos 10.000 metros de percorrido, con case minuto e medio sobre o segundo kaiak. Os seus compañeiros Pablo Cudillero Conde e Rubén Gómez Rial fixeron o propio na proba de Xuvenil C-2. No seu caso empregando 37.16.010 nun trazado de 7.500 metros. A súa vantaxe foi ademais notablemente menor, de 12,570 segundos sobre Pablo García e Juan Carlos Varela, do Firrete. Os tamén catoirenses Ismael Pesado Isorna e Miguel Salgado Touriño foron segundos en Sénior C-2, a 27,200 segundos dos gañadores, Ramón Ferro Dios e Óscar Graña Blanco, do Piragüismo A Illa (46.37.650 sobre 10.000 metros). O podio completárono os breoganistas Manuel Piñeiro González e Sami Grigore. As illenses Lidia Bayón García e Mírian Durán Dorado venceron en Dama Xuvenil K-2 cubrindo os 7.500 metros da súa proba en 37.13.970, 54,110 segundos menos que as súas inmediatas perseguidoras, Bianca Llovera e Antía Martínez, do Ría de Aldán. Como no Sénior C-2, o Cadete C-2 contou no podio con presenza múltiple do piragüismo arousán, aínda que neste caso sen pleno. Nunha regata con triunfo da parella formada por Brais Casas e David Amenedo, do Náutico Firrete, os breoganistas Bryan Fernández Prol e Manuel García Naveiro foron segundos a 59,300 segundos, e os catoirenses Álvaro Novo López e Juan Carlos Fernández Insua terceiros, a 1.24.