O Arousa repite pecado mortal

AROUSA

En cinco días o equipo arlequinado cedeu outros tantos puntos ante rivais máis ca asequibles. O mesmo erro que xa cometera no inicio da segunda volta, e que pode ser o adeus ao ascenso

13 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A afección do Arousa vén de sufrir a que probablemente fose a semana máis dura de cantas leva padecendo desde a confirmación do descenso da Terceira División. En cuestión de cinco escasos días, os seareiros arlequinados viron como o renacido soño de retornar á categoría nacional murchaba abruptamente, como unha flor ante unha xeada.

Seis vitorias consecutivas fixeron agromar de novo nas gradas da Lomba a ilusión dun retorno á Terceira por vía express. E se triste é perder a esperanza, moito máis dooroso resulta vivilo cando se trata dun horizonte que xa desaparecera había tempo dos ollos dos socios e simpatizantes do club vilagarcián.

Certo é que nin moito menos o Arousa está descartado xa da loita polo ascenso. Pero non o é menos que os dous inesperados pinchazos, a derrota ante o Arenteiro o pasado mércores e o empate fronte ao Sporting Celanova o domingo, fixeron caer en picado as accións arlequinadas na bolsa da Preferente Sur.

Xusto antes de disputar o seu encontro nocturno no Carballiño, o conxunto de Ricardo Fernández figuraba cuarto na clasificación con 53 puntos e un partido menos, a 4 do Choco, segundo, e a 5 do entón líder, o Portonovo. A magnitude da pifia do Arousa fronte ao Arenteiro, cunha derrota por 3-2, acadou toda a súa extensión coa humillante paliza por 8-0 que hai dous días lle endosou o Porriño a un cadro ourensán que desde hai tres xornadas disputa o campionato ligueiro cun plantel formado por futbolistas de Segunda Autonómica.

O Sporting Celanova chegaba o domingo á Lomba sexto pola cola da clasificación. E se ben o facía plenamente motivado, inmerso na guerra por conservar a categoría, tamén o Arousa debería de ter saltado con toda a fame do mundo, e co engadido dun suposto orgullo ferido que, pola contra, non se aprezou en ningún momento. E iso, sen entrar a valorar a enorme diferenza de potencial entre ambos conxuntos. Resultado: 1-1.

Cinco días. Cinco puntos asequibles perdidos no sumidoiro. A diferenza entre ser hoxe quinto na clasificación a 4 puntos do segundo e a 6 do líder, a figurar tan só por detrás do Choco, ocupando praza de ascenso a falta de seis xornadas para a conclusión da Liga.

O peor de todo é que o relato soa xa a oído. No arrinque da segunda volta, cando a afección local agardaba unha repetición do espectacular inicio de tempada, o plantel de Ricardo Fernández non soubo explotar o treito máis asequible do seu calendario. Superado con certo éxito o carrusel de enfrontamentos co Porriño, Estradense e Choco, con 3 puntos de 9 e dúas complicadísimas saídas incluídas, nas gradas da Lomba confiábase en remontar posicións no seguinte mes e medio. Pero apenas foi así. O Arousa tan só avanzaba un posto na táboa entre a conclusión da primeira volta e o remate da xornada 25, pasando do décimo ao noveno, recurtando de 10 a 8 a súa desvantaxe co líder provisional e de 8 a 7 co segundo. Polo medio quedáronse 3 puntos nos campos do Gran Peña e do penúltimo clasificado, o Covadonga, ademais dos dous puntos que se levou de Vilagarcía o Rápido de Bahía, conxunto da metade da clasificación e sen maiores miras como o Gran Peña.

Gañar ou gañar en Portonovo

Así as cousas, o Arousa chega sen marxe de erro a unha complicadísima recta final de campionato. Polo de pronto, o cadro de Ricardo Fernández podería dicir definitivamente adeus á loita polo ascenso esta mesma semana se perde na súa visita ao actual segundo clasificado, o Portonovo. Nin un empate semella xa suficiente para o equipo vilagarcián, con catro rivais por diante.

Gañar este partido antóllase pois vital para os intereses do Arousa, que só superando o Portonovo podería voltar a soñar cun arreón final premiado coa Terceira. Porque, como dicía onte Carducho, aínda quedaría moito por remar, cun derbi co Cambados na Lomba e tres últimos duelos a cada cal máis esixente: Porriño, Estradense e Choco. O primeiro e o último en campo vilagarcián.