E por fin... chegou Antón

Begoña Paso redac.arousa@lavoz.es

AROUSA

A familia medrou onte. Xa o estabamos esperando e por fin, Antón saíu para ser o gran protagonista. Levabamos uns días inquietos e agora que xa o temos entre nós dende hai unhas poucas horas parece que leva aquí semanas. Rosa Estévez, a nosa benquerida compañeira, tivo un alumeamento feliz. Di que foi rápido e a xulgar pola boa cara que tiña poucas horas despois do parto, abofé que non foi o reto máis complexo que superou. Antón (ou Antonciño, como cada un queira) foi madrugador. Quixo ser un deses nenos que a primeira hora da mañá tiña as tarefas feitas. Seica pasadas as seis e media da madrugada entrou por urxencias e ás 9.15 horas xa tiña un sitio propio na primeira planta. Pesou 3,7 kilos, loce un aspecto envexable e ten pinta de medrar dabondo como para continuar a estirpe baloncestística da familia dentro duns anos. Haberá que facerlle o scouting ben de preto.

O epicentro da familia Garrido-Estévez confórmano agora catro membros. A pequena Claudia gañou onte un irmán e agora está nese proceso de asumir que o que tanto tempo levaba esperando xa respira, xa chora e xa é o novo membro da casa. Por certo que Antón non é moi de chorar. Tranquilo coma o pai e esperto coma a nai. Así é e así tiña que ser. As verbas de Rosa, todavía na cama do hospital, confirmaron que «si que é boíño, non chorou nada», e iso que era o día máis movido e máis intenso de toda a súa vida.

Nas xornadas precedentes houbo no contorno nervios por saber a data exacta na que nacería o pequeno. Calendarios, estadíos da lúa e cábalas protagonizaron as últimas conversas de compañeiros, amigos e coñecidos. Todos estabamos pendentes de Rosa e Rosa estaba tranquila (aínda que desexando que ocorrese). A nova tardou ben pouco en espallarse. Os móbiles botaron fume, os sorrisos multiplicáronse e a satisfacción foi compartida. Ninguén dubidou que dera comenzo o período de visitas, agasallos e arrumacos para todos. Aínda que foron moitos os que lle fixeron chegar flores, roupa e bonecos ao pequeno Antón, foi el quen se adiantou. Na barriga que levou a súa nai todos estes meses houbo un oco para os regalos de Claudia. Foi só o primeiro detalle do neonato. De aquí en diante, despois das primeiras roldas de brindis, xa haberá tempo de arrumacos para el, de paseos por Vilagarcía e por Poio -a outra patria do pequeno- e de visitas a eses lugares onde os grandes amigos da familia esperan impacientes o momento idóneo de que Antón chegue para amosarnos eses ollos que aínda non puidemos ver.