O mercado que vén

AROUSA

Chegados a esta altura do invento, non me acaba de entrar no caletre como é que nós, o rabaño, seguimos a comulgar con personaxes e organizacións que entenden que o mercado, así, á brava, é a panacea, a receita que nos vai librar de todo mal. Esta xente teima, dende gobernos e consellos de administración de todo o mundo, en mudarnos de cidadáns con dereitos e deberes a consumidores con petos e carteiras máis ou menos cheos. Fíano todo á sublime lei da oferta e a demanda, esquecendo que para poder elixir ten que existir, previamente, capacidade económica para facelo. Esta lea pode semellar demasiado abstracta pero, por desgraza, afecta a aspectos concretos da nosa vida. Se cadra lembren o panel que o vento botou a voar o venres sobre a Autovía do Salnés. O mantemento da vía foi confiado a unha empresa privada. Tardou máis dunha hora en aparecer, malia o perigo que revestía o cartel na estrada. Agora dinnos que os novos hospitais públicos galegos van ser xestionados, agás no estritamente sanitario, polas mesmas compañías que os constrúan. Habitacións, camas, comida e limpeza ficarán en mans de quen procurará tirarlles o máximo beneficio. Aposten. ¿Cren que así vai mellorar algo?