Almacenes Clarita, establecimento centenario, é o máis antigo da ciudad en mans da mesma familia. Agora está xa na quinta xeración
20 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.María Santiago foi a iniciadora dunha saga de comerciantes que xa vai pola quinta xeración. Facía mandís e gorros de palla alá polo 1900, e os vendía na feira que se celebraba na Ferrería. Logo, en 1904, colleu un local na mesma praza, que utilizaba de taller. Estaba no edificio que se derrubou para facer o que agora ocupa o comercio dedicado a roupa do fogar e que data de 1916.
Clara López Santiago, Clarita, deulle nome ao negocio que herdou da súa nai, e comezou a expansión, sen abandonar nunca a Ferrería, onde están as catro tendas de que dispón, e co traballo de varios membros da familia. Así, o segundo comercio foi o de telas e tecidos, na Ferrería 12. E no ano 1948 incorporouse o destinado a confección de muller. Foi cando o seu propietario, César García -que traballara noutro establecemento emblemático de Pontevedra, Olmedo-, casou con Clara Cimadevila López, que se mantivo ao fronte do comercio e que agora está felizmente xubilada. E no ano 60 ábrese o cuarto local, destinado a confección de home, moi cerca dos demais, nos Soportais da Ferrería.
Agora, o seu fillo, Francisco García Cimadevila, exerce de administrador de Almacenes Clarita Sociedade Anónima. Incorporouse ao negocio familiar no ano 1973, á volta da mili. «Empecei máis que nada pola contabilidade -comenta-. Marchaba un empregado que a levaba e entrei eu. Pero aquí a contabilidade lévase traballando nas tendas, como agora, e pasei por todas».
No pasado ano, concretamente en novembro do 2009, chega a quinta xeración ca incorporación do seu fillo, Adrián García Cimadevila. «Foi cando o meu primo, Francisco Cimadevila Estévez, quixo xubilarse. Colleu de man a Adrián -explica o seu pai- no apartado que levaba, que era o de cortinas, estores e roupa do fogar, e agora está ao fronte, cunha responsabilidade maior, de mercar, vender e calcular».
Francisco García comenta con certo orgullo que os seus clientes veñen de vello. «Temos netos de antigos clientes» é fundamentalmente sempre foron do rural.
A palabra como aval
«Sempre vendimos a crédito, pero a crédito de palabra. Era normal, e aínda se da, que viñan a dar un tanto cada mes e sen problemas». Di que a xente respondía e mesmo cando viñan a pagar comentaban que aínda non habían estreado a prenda. «E se algunha vez se esquecían por calquera circunstancia e tiñas que chamalos, viñan rapidamente e avergoñados . Ca xente do rural non tivemos problemas».
«Agora arriscámonos -engade- noutro tipo de clientes, porque no mundo das cortinas, poñer unha casa pode ter un presuposto bastante elevado e pode aparecer algún jeta, que temos que andar detrás del para que pague».
Explica que agora mesmo a venda de tecido baixou moito e basicamente «quedou como artigo de entroido e Feira Franca». O motivo, a proliferación de comercios que fan máis económico mercar a prenda que levala facer á modista. É por elo que a tenda dedicada a telas está mudando ata apoio ao fogar, o que máis se vende na actualidade porque, «por poñer un exemplo, un colchón leva a funda, un protector, unha almofada, o seu protector, sábanas, térmicas, edredón, fundas nórdicas...»
O benxamín da saga, Adrián García está contento ca experiencia. Ten algunhas ideas novas, como a de converter en tenda de saldos o dos Soportais. O seu pai «acepta suxestións, aínda que lle costa un pouco», comenta entre risos.
Francisco García quere que o seu fillo vaia asumindo responsabilidades para que chegado o momento «tamén poda eu tomarme unhas vacacións, que non as tiven dende a viaxe de lúa de mel».
O fillo non teme ás responsabilidades. Gústalle facer as compras aos provedores e tamén o trato cos clientes, aínda que «xa recibín o primeiro toque por mercar demasiado, pero iso tamén e pola crise, que se vende menos».
«O trato co cliente, que as veces require unha gran dose de paciencia, é o que nos diferenza dun centro comercial -asegura-. Aquí ensinamos todo o material aos clientes e lles damos a nosa opinión. E case que sempre déixanse aconsellar».