Os sentimentos segundo Bodegas

AROUSA

O humorista estará o vindeiro sábado en Vilagarcía para ofrecer ao público o seu espectáculo «Y un condón por si pillo»

08 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Rober Bodegas pisou onte Vilagarcía. Pero non se apuren. Foi unha presenza fugaz co obxectivo de presentar o espectáculo que o próximo sábado representará no auditorio. Será entón cando quen guste do seu humor teña a oportunidade de gozar del nada menos que durante hora e media.

Y un condón por si pillo

é o título do espectáculo que está agora mesmo levando polas principais cidades de Galicia e que chegará o vindeiro fin de semana ao auditorio de Vilagarcía. Iso si, os asiduos á programación cultural vilagarciá deben ter especial tino coa hora, posto que nesta ocasión non comezará ás nove, como é habitual, senón ás dez. O concelleiro de Cultura de Vilagarcía, Xosé Castro Ratón, explicaba onte que o motivo deste cambio é que se trata dun espectáculo de ampla proxección, para todo tipo de públicos, pero que atraerá tamén a un espectador máis novo que despois quererá continuar a festa.

A proposta deste exitoso showman ten como telón de fondo a experiencia dun mozo que intenta ter a súa primeira experiencia sexual. Tal como explicou o propio Bodegas, nesa hora e media de monólogo aparecen episodios tan cotiás como as dúbidas sobre os anticonceptivos, as inseguridades, «que un tío che levante unha moza porque ten un BMW...».

Aínda que, segundo dixo, lle faltaba un café, Bodegas debullou onte en Vilagarcía un dos segredos dos seus espectáculos, moi relacionado coa literatura infantil. «Se colles os libros de Teo, ves que son dúas páxinas de narración e outras dúas de descrición. Eu sempre digo que os meus shows teñen esa estrutura», confesou.

E se esa é a técnica que emprega, non menos complicada é a finalidade, que non é outra que propoñer ao público que o vaia ver «hora e media dicindo parvadas coas que espero que a xente se divirta». O seu interese non é ser profundo nin transcender cos seus textos. Simplemente, ou non tan simplemente, pretende «que esa hora e media pase rápido».

Rober Bodegas, que tanto éxito está tendo coa súa participación nalgúns programas televisivos e ata cos seus anuncios dunha coñecida cervexa, será, polo tanto, o prato forte da programación cultural de Vilagarcía para o próximo fin de semana. A intención da concellería de Cultura é que, despois de que esta noite se encha o auditorio coa ópera Rigoletto , volva pasar o mesmo o sábado que vén con esta proposta tan diferente. Quen non a queira perder pode adquirir as súas entradas na páxina web de Caixanova ou no número de teléfono 902 504 500. Custarán nove euros se se mercan de xeito anticipado, e doce euros se se compran directamente na billeteira do auditorio.