Catorce anos despois do disputado achado dos irmáns Lumiere, en 1909, abría as súas portas en Cambados a primeira sala de cine. Era o Variedades. Un nome que, segundo Sabela Pillado (Cambados, 1979), recollía a esencia multifacética daqueles primeiros establecementos. Onte, a historiadora cambadesa presentou, na adega Martín Codax, o seu notable traballo sobre a relación entre o celuloide e a vila arousá.
-¿Foi Cambados un caso de adianto no tempo en canto ao cine?
-Non, realmente a apertura do salón Variedades non foi un fenómeno estraño. Era algo bastante típico daquela época en vilas coma O Grove ou Vilagarcía. As exhibicións dábanse primeiro de xeito itinerante para, despois, establecerse propiamente nas salas de cine. Eran, claro, diferentes do que hoxe se entende por un cine. En realidade comezaron sendo salóns nos que se facían bailes, xuntanzas da xente do pobo, teatro e de todo un pouco. Esta é a primeira parte que analizo no libro, a da historia das cinco salas de cine de Cambados.
-¿Cal foi a última delas?
-O Avenida, que pechou en 1999, noventa anos despois de que abrise o primeiro cine. Hai que ter en conta que era unha sala pequena, que non podía competir en estreas cos cines de Vilagarcía ou Pontevedra. Hoxe as distribuidoras colocan paquetes de varias películas, a meirande parte delas bastante malas, e unha soa pantalla deixa de ser rendible.