Ciro interpretado por Ciro

AROUSA

O creador arousán analiza esta tarde a súa traxectoria dende o interior da súa mostra, na sala Rivas Briones

11 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Hai tempo alguén cargou o home coa tremenda responsabilidade de elevar a súa época a categoría de pensamento. Mais voar alto normalmente produce náuseas. Así que o aserto podería inverterse para afirmar, simplemente, que o home é fillo do seu tempo, e procurar non tanto os cumios filosóficos coma as profundidades soterradas dende as que ese home medra, o humus do que se alimenta e, ao cabo, faino ser tal coma é.

Cando este ollar arqueolóxico se dirixe a un mesmo con honestidade, cabe agardar resultados reveladores. É nesta andaina na que se atopa Ciro Sánchez, o creador arousán que este serán inaugura un novo xeito de achegar o público á obra de arte, unha práctica que a concellería de Cultura de Vilagarcía quere xeneralizar: que sexa o artista en persoa quen se explique a si mesmo dende o seo da súa creación. A charla, titulada Análise e interpretación dunha traxectoria: do clasicismo á postmodernidade , comeza ás 20 horas, na sala Antón Rivas Briones, e contará co apoio do material audiovisual elaborado por Cristina Martín Trigo e a curtametraxe que Antonio Caeiro filmou sobre a súa exposición.

A arela creadora que se desenvolve nos tres andares da casa da cultura pode lerse, efectivamente, coma unha secuencia non lineal que percorre xéneros e perspectivas na procura dunha meirande simplicidade material, inversamente proporcional á complexidade conceptual que expresa. Noutras palabras, a consecución dunha máxima efectividade semántica en cada movemento. Neste senso, Ciro é fillo do seu tempo. Máis tamén dos tempos, as sensibilidades e os pensamentos que o precederon.

Na súa mostra hai un forte pulo académico, no mellor senso do termo. O segundo andar configúrase, por comezar polo principio, como un amplo estudo da figura. A ollada parte aquí dun punto de vista clásico, coa figura inserida nun espazo co que non dialoga. Aos poucos, este esquema de formas pechadas vai sendo gañado pola enerxía e o dinamismo. A figura esnaquiza as súas áncoras chantadas no naturalismo. As liñas comezan a moverse, a figura descomponse, fica triturada e expándese no espazo pictórico.

Unha das consecuencias deste evoluír é a irrupción na mostra da escultura. O subliñable traballo coas formas xeométricas elementais, os arquetipos cargados de simboloxía. Así, o triángulo encarnado no tres pes galego (primeiro andar) anticipa un último reino a conquistar: a liberación do espazo ao que xa só limita unha mínima estrutura. Velaí unha lectura posible. Pero hai moitas máis. Percorrelas significa comprender.