Hai dous anos unha xeración de xoves balonmanistas do Grove metíase na elite estatal infantil. E, teimudas elas, as mesmas rapazas insisten. A fin de semana pasada foron quen de emocionar a boa parte do seu pobo cando conseguiron clasificarse de novo para o Campionato de España, agora na categoría cadete. A competición xogaráse en Castellón e as mecas non renuncian a nada. Ou iso di o seu adestrador Quito Parada.
-Xa saben o grupo que lles tocou. ¿Como o ve?
-Había dous equipos que quería que nos tocaran, e un caeunos no grupo. Hai que gañar o primeiro partido (contra o Villaverde) e despois tentar pescar algo nalgún dos outros. Estou contento co grupo que nos tocou, vai estar disputado.
-Unha vantaxe é que xa teñen a experiencia de hai dous anos...
-É verdade. Hai dous anos pagamos a novatada. No primeiro partido, que xogamos contra o que despois foi o campión, gañabamos por tres e tentamos apretar e acabamos perdendo.
-O partido do domingo contra o Rocasa, un dos mellores equipos de España, xa deixou ver que por aí melloraron...
-Si. Esa era unha faceta que non coñeciamos do equipo. Na Liga gañamos todos os partidos, pero o domingo xogamos contra un conxunto que non coñeciamos e tivemos unha boa resposta.
-Esta xeración afronta o seu segundo campionato de España. ¿Xeración espontánea?
-A verdade é que tivemos dous anos moi bos coas que son agora xuvenís e outros dous moi bos coas cadetes. Ás xuvenís faltoulles sorte.
-¿E cal é a clave?
-No caso das cadetes, collémolas dende moi novas e as rapazas non o deixaron. Dimos ademais cun grupo que se fixeron amigas e que son moi boas persoas.
-¿Vén algo mais por detrás?
-As infantís están moi verdes porque moitas empezaron o ano pasado, pero temos un grupo de vinte cinco benxamíns da que algunha ten que saír para o equipo sénior.
-Por aí imos. Unha xeración con dúas participacións en campionatos de España e un bo equipo xuvenil ten que verse refrexado en catro ou cinco anos nun salto de calidade no primeiro equipo, ¿non si?
-O problema que temos no Grove é o corte que supón a universidade. Afortunadamente moitas das rapazas seguen cos estudos ao cumprir os dezaoito anos.
-Volvamos ao campionato de España. A directiva di que non hai cartos...
-É verdade. E a situación é moi difícil como para andar a pedirlle cartos á xente. Agardo que dende o Concello se faga un esforzo. Na fin de semana foi incrible a resposta da xente. Ademais hai que ter en conta que isto non é un equipo sénior, que é deporte base, e son demasiados gastos. O autobús cóbranos tres mil euros pola viaxe e trescentos euros por cada día que teña que estar alí.