A Terceira División non é hoxe a única competición que bota o pecho ata a vindeira tempada. No fútbol feminino, o Extrugasa Atlético Arousana pon punto e final a unha campaña de transición que remata cun balance positivo. Sobre todo se as pupilas de Rogelio Barragáns son quen de defender a sexta praza que ocupaban a día de onte na Primeira Nacional, unha por debaixo da quinta á que aspiraban hai cousa dun mes. A empresa será, iso si, complicada.
O Atlético Arousana despídese da Liga en Santander (12 horas) co Reocín coma rival. Un equipo este que cos mesmos 48 puntos co El Olivo, precisa gañar para asegurarse o subcampionato ligueiro.
Pola súa banda, o conxunto vilagarcián non pode descoidarse, toda vez que por detrás ten a un Gijón que, con 2 puntos menos, remata o campionato cun cómodo partido no feudo do colista e xa descendido Barcia.
Marta Cortés, por problemas de índole laboral, é a única ausencia na convocatoria do Arousana. Para completar a súa lista, Barragáns chamou nesta ocasión as xogadoras do filial María Arufe e Lidia, por outro lado xa habituais no primeiro plantel ao longo da tempada.
Co Oviedo Moderno campión de Liga e o Val do Ulla retirado, a gran incógnita por despexar é quen acompañará o Barcia no descenso, o Mareo ou o coruñés Orzán.