«De Guinea botáronnos, porque se non aínda seguiría vivindo alí»

Percorreu Galicia, viviu en África durante anos e e espallou as agrupacións do PSOE entre Sanxenxo e Cee cando Franco pechou o ollo. Seso Giráldez é historia viva


Quen co tempo chegaría a ser sinónimo do socialismo nun amplo treito da costa atlántica galega naceu en Carril en 1933. Fillo de José Giráldez Maneiro, un mestre republicano condenado a percorrer escola tras escola sen poder gañar unha praza definitiva, a súa familia foi transitando entre Vilaxoán, Baión e Carballeda de Avia, en Ourense. «Viñamos polo verán, o resto do ano estabamos alí. O meu pai facía honor ao dito de pasar máis fame ca un mestre de escola». O asunto solucionouse cando don José impartía clase en Crecente. «En Carril estaba un tal don Arsenio, un personaxe curioso, eu díxenlle que por que non cambiaba co meu pai, porque el ea de Tui. Fixérono e así puido retirarse na casa». Daquela Seso pasaba xa dos vinte anos e traballaba de oficial de xulgado. «Opositábase a toda España e segundo o número que quitabas escollías praza. Eu quitei o dous, pedín Vilanova, que estaba vacante, e fixéronme trampa. Déronlla ao número 17. Presentei un contencioso e perdín. O avogado díxomo claro: «Se chegas ser xuíz no canto de oficial, polo carallo che fan isto». A cousa foi que tivo que marchar a Vila de Cruces. «Eu ía e vía nunha Vespa e levaba un frío do carallo, tiñas que subir polas ringleiras que ían deixando os camións na neve. Lembro que Otilia, a miña muller, teimaba por vir comigo; veu unha vez e xa non quixo volver máis». No primeiro concurso, o noso home faise cunha praza en Rianxo. Pero non por iso deixa a Vespa. «Atravesaba o río na gamela dun barqueiro dende Catoira e logo xa seguía en moto por Leiro». En terras do Barbanza fai boas amizades. «Lembro a Faustino Rey Romero, crego e escritor, que vivía en Isorna e estaba castigado, quitáranlle a parroquia». As desventuras do cura tiñan un motivo: «Había unha rapaza alí que ía casar por poder e el acompañouna a Vigo para facer as xestións... e foi tan ben que ao pouco acabaron os dous na cama». Demasiado para aqueles tempos. Ao bo de Rey Romero «saíalle a quentura en canto facía uns versos a unha rapaza». Do seu enxeño dan conta varias anécdotas: «Cando foi examinarse e suspendeu dedicoulle unha copla ao tribunal: ''Burrísima Trinidá , seica vós sodes tres burros e unha soa autoridá ''». Participou con Bouza Brey, «o pai de Gonzalito» na creación da Romaría Vikinga. Este regaláralle un polo e o crego respostou, ben agradecido, por escrito: «Meu amigo Bouza Brey, moitas gracias polo polo, lástima que fose un solo ». Ao cabo, foi morrer en Bos Aires. Os amigos, malia interesárense, nunca puideron saber como. O coñecemento de pobos e xentes seralle moi útil a Seso anos despois, cando chegue a hora de reconstruír, practicamente dende a nada, o PSOE. Para iso, porén, faltaba aínda moito. Porque polo medio ábrese a máis grande aventura. A familia marcha para Guinea De Rianxo a Cambados, e de alí, malia estar casado e ter fillos, a Guinea. «Tiña un amigo xuíz que me animou porque pagaban moi ben e aló, dicía el, vivíase coma deus». E, efectivamente, así foi. «Botáronnos anos despois, porque se non aínda seguiríamos vivindo alí, a Otilia encantáballe; cando se armou o barullo e tivemos que evacuar, saímos case todos chorando». Aquilo fora xa no 76. Antes, a familia Giráldez vivira «barbaramente» en Bata, a capital continental do país. «Gañabamos máis do dobre, tiñamos un chalé a carón da praia e vintetantos funcionarios que traballaban a reo, e non facía falta que o fixese eu», ri Seso tirando de retranca. A poboación indíxena, recoñece, vivía mal. «Pero despois viviu aínda peor». «Gustábame moito -lembra- coñecer aquela xente. Eran moi inocentóns, moi boa xente; agarimosos e cunha capacidade tremenda para saber quen era quen, de contado sabían se eras dos bos ou dos malos, como dicían eles». Cando Macías estaba a piques de tomar o poder, un xuíz de estrema dereita, un ultra, dá o aviso para que os nenos poidan marchar. O matrimonio continúa en Guinea ata o último momento. «Macías pediume que seguise alí, pero o Goberno español non garantía nada». O seguinte destino, a correr, foi Villa Cisneros, hoxe Dagla, fronte as Illas Canarias. «E aínda querían que fosemos a Melilla, pero xa nos negamos». «Hoxe -láiase Seso- quitan petróleo a patadas e papan todo os americanos, e un pouco os franceses. Mentres, nós, os españois, a facer o parvo, coma sempre». A estadía afrincana durara oito anos. Franco pechara por fin o ollo e quedaba todo por facer.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos

«De Guinea botáronnos, porque se non aínda seguiría vivindo alí»