Catro vilagarciáns viaxaban no tren de Madrid que sufriu unha dramática colisión en Ponferrada, causando 18 mortos
18 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Eran as cinco da mañá do martes 23 de xuño, véspera de San Xoán de 1936. O Rápido de Galicia, o principal nexo de comunicación entre o país e o resto de España, percorría a noite camiño da casa. Entre as estacións de Ponferrada e San Miguel de las Dueñas atópase o túnel de Fraga. O noso tren entrou, pero xa nunca volveu saír. «El expreso de Galicia, que salió de Madrid ayer a las 19.20 horas, ha chocado con un mercancías. El choque ha sido de proporciones aterradoras y el haber ocurrido ya dentro del túnel parece dificultar enormemente los primeros trabajos de socorro». A nota foi publicada ao día seguinte en El Pueblo Gallego.
O número final de vítimas elevouse a 18 mortes e 34 persoas feridas. Tres días despois aínda se traballaba no interior do túnel e a arteria de ferro seguía pechada. En canto as causas da colisión, pouco se di na prensa nas semanas seguintes. Agás que o gardaagullas de San Miguel de Dueñas fora detido de contado.
Naquel tren viaxaban, que se saiba, catro vilagarciáns. Elpidio Villaverde, o primeiro alcalde e deputado en Cortes elixido polo Frente Popular en febreiro daquel ano; a súa filla, Rosina; o xuíz Luis Pando Rivero; e o apoderado na capital arousá da sociedade Hijos de Simeón García y Compañía, Modesto Gómez. Ningún deles sufriu feridas de consideración, aínda que o arrepío foi tremendo. «De toda la región y aun fuera de ella se le hicieron llamadas [a Elpidio Villaverde] dándole por todos los medios la enhorabuena más cordial por haber salido sin novedad del trágico accidente», recolle o xornal do xoves, 25 de xuño.
A vocación do xuíz Pando
Máis aló do dramatismo da colisión ferroviaria, a lembranza daquel accidente dá oportunidade a este faiado de rescatar a memoria do xuíz Luis Pando Rivero. O seu labor en Vilagarcía fixo del un exemplo de civismo e humanidade. Pero tamén lle gañou inimigos irreconciliables. Morreu asasinado o 4 de decembro daquel fatídico 36, apenas seis meses despois de se salvar do choque de trens, pola sinxela razón de representar o Frente Popular na capital arousá.
Nun artigo asinado un ano antes, o xuíz daba mostras da súa preocupación polo futuro da cidade: «Los pueblos, como las personas, necesitan prepararse espiritual e intelectualmente [...] Y Vilagarcía, aunque sea duro decirlo, poco o nada se ha preocupado de este tan esencialísimo aspecto de su vida». Laiábase o xuíz de que se atendese máis «a la cal y a la piedra» que á consecución dun instituto de segunda ensinanza, un ateneo popular coa súa biblioteca ou unha escola de traballo. Palabras para tomar nota, 74 anos despois, case coma un vaticinio do suicidio urbanístico posterior.